Skip to main content
Sarria

A Asociación Meigas e Trasgos pide que a Noite Meiga sexa declarada como Festa de Interese Turístico Galego

Por 14 Abril, 2024Abril 15th, 2024Sin comentarios

A Asociación Meigas e Trasgos vén de rexistrar un escrito no Concello de Sarria para levar ao vindeiro pleno municipal a solicitude de declaración da Noite Meiga como Festa de Interese Turístico Galego e que se realice un informe onde se manifeste explicitamente a súa valoración e motivos.

Así, desde a Asociación defenden que desde o ano 1969 leva celebrándose o último sábado de agosto a Noite Meiga, “un evento recoñecido en gran parte da xeografía galega e que serve para celebrar o final do verán”. Así, din que ao longo destes anos foi adquirindo identidade propia e a súa orixinalidade deu lugar a unha festa única en todo Galicia.

“Nesta noite os sarriaos reunímonos con amigos e desfrutamos da danza meiga para despedir o verán libres de malos augurios”, explican.

Así, lembran que a asociación Meigas e Trasgos ten como finalidade o fomento e ensinanza da música e baile tradicional, “desenvolve un papel indiscutible como guardiana do folclore sarriao, e isto sumado á organización da Noite Meiga fai que sexa un referente e dinamizador cultural do noso pobo”.

Ademais, actualmente conta con máis de 150 socios e máis de 50 integrantes dos respectivos grupos e participa na vida activa da poboación en actos oficiais e con relevancia “que requiran exaltar a nosas propias orixes galegas; e en todos aqueles acontecementos que requiran a nosa colaboración a cal ofrecemos de bo grado”, sosteñen.

A lenda da Noite Meiga

Desde a Asociación explican que na danza da Noite Meiga só se permite participar aos bailaríns máis experimentados, porque representan a través dun canto e dunha coreografía, onde se funde o baile tradicional galego coa danza contemporánea, unha lenda que conta a triste historia de amor entre un rapaz e unha meiga.

O mozo ingresa no seminario como castigo por namorarse dun ser máxico e a meiga diríxese ao monte onde chora e chora ata que as súas bágoas forman o río Sarria.

A danza realízase pasada a medianoite no lar social e no Parque do Chanto, nela as Meigas e os Trasgos bailan con fachos arredor dunha fogueira para protexerse dos malos augurios mentres se canta un conxuro para afastar os males e que a boa sorte acompañe aos asistentes todo o ano.

Ademais, durante o fin de semana realízanse diferentes actos preparatorios como a andaina dos fachos polo Malecón do río, concertos de música galega, exhibicións de baile tradicional, festa gastronómica da empanada e de produtos locais, e tamén se organizan actividades para os máis pequechos durante a tarde do domingo: ‘A tardiña Meiga’.

Importancia da Noite Meiga

A Noite Meiga, din, forma parte do sentimento de “Sarrianeidade”, “non hai sarriao ou sarriá que se esqueza desta festividade cando ten que describir a súa vila, e con orgullo sen parangón presumimos da nosa festa máis auténtica que durante anos foi desfrutada por milleiros de visitantes”.

Así, nesta celebración os participantes tradicionalmente se reúnen cos amigos para envolverse envolver pola maxia da noite do último sábado de agosto e despedir o verán; ·é o noso fin de ano de agosto e son moitos os sarriaos que residen fóra da vila e que pasan as vacacións na localidade e que marchan despois de espantar os espíritos, polo que esta festividade marca o final das vacacións”.

Por outro lado, cada ano visitan esta festa máis persoas debido “á boa fama que adquiriu a celebración, e existe unha gran participación por parte todos os habitantes, comercio e hostalería. Na andaina dos fachos participa toda a poboación, visitantes e peregrinos, así como o comercio e hostalería patrocinan a festa xa que os preparativos para a mesma e afluencia de visitantes repercuten positivamente na economía da localidade”.

A Asociación Meigas e Trasgos, como organizadora do evento durante 53 anos e garante da súa continuidade, considera que esta festa cumpre os requisitos necesarios de antigüidade, singularidade e arraigamento para ser declarada de interese turístico galego porque supón unha valorización da cultura e das tradicións populares cunha especial importancia como atractivo turístico.

“Esta declaración é de vital importancia porque favorecerá o financiamento da Noite Meiga, dado que se contará con máis achegas económicas e axudas públicas e como consecuencia poderemos organizar un maior número de actos con maior repercusión e calidade, e ademais, impulsará a súa divulgación e coñecemento por parte de máis poboación”.

Ademais, sosteñen que a declaración como Festa de Interese Turístico Galego redundará, en primeiro lugar, na promoción da vila de Sarria como localidade singular, dotada de recursos turísticos dignos de ser compartidos con todos aqueles que veñan a visitarnos e queiran pasar con nós unha noite máxica, e en segundo lugar, no impulso da marca: “Sarria, vila meiga e xacobea”. Por último, Sarria non conta con ningunha festa declarada Festa de interese turístico, polo que piden que sexa esta a primeira.