Skip to main content
Sarria

O PP de Sarria acusa ao Goberno local de incumprir o acordo no pleno sobre a zona das vías do tren

Por 16 Abril, 2024Abril 17th, 2024Sin comentarios

A voceira do Grupo Municipal Popular de Sarria, Carmen José López, pon de manifesto que as obras que está a levar a cabo Adif co peche da estación supón “o incumprimento do compromiso adquirido polo alcalde coa veciñanza da zona e a perda da oportunidade de dotar á estación dunha entrada directa e natural dende a autovía de Lugo”.

Lembran que a finais de novembro aprobábase en pleno unha iniciativa dos concelleiros populares que contou co voto favorable do grupo de Goberno que incluía esta entre outras melloras nas pistas e accesos no entorno das vías do tren ao longo do seu trazado no termo municipal.

“Chama a atención que, tres meses despois do acordo, o ente estatal estea a levantar un muro na zona, pero que o alcalde non dea ningún tipo de explicación, sendo coñecedor das obras e tendo votado a favor da iniciativa do Partido Popular para pedir a Adif a cesión de máis espazo na zona”, segundo explica López.

“Á vista das obras que se están a acometer, é evidente a nula xestión do rexedor local ante Adif. Garrido desoe así as queixas e demandas dos veciños e o propio acordo do pleno. O alcalde xa tiña coñecemento naquel momento das circunstancias concretas do peche e, a pesar diso, votou a favor incluso omitindo a información da que dispoñía”.

Os populares lembran que “o alcalde prometera hai tempo aos veciños do barrio da Estación xestionar con Adif, aproveitando as obras na vía, a cesión de terreo para o ensanche do tramo, da estreita e perigosa saída cara a unha das rotondas que dan acceso ao corredor cara a Lugo. Agora todo apunta a que non fixo nada, e iso a pesar de que facer gala dunha estreita relación co propio Ministro de Transportes, ao que incluso fixo pregoeiro das festas patronais de Sarria”.

“O proxecto de ensanche e mellora do acceso á estación, ademais de ser moi demandado pola veciñanza, supón un acceso natural dende a autovía á que, segundo os últimos datos, xa é a segunda estación de tren da provincia por número de viaxeiros só despois da de Lugo, un feito que xustifica aínda máis a necesidade e oportunidade de dotala dun mellor acceso”, considera a popular.