Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

A Rede Museística realiza unha actividade cos alumnos do colexio de Friol

Por 4 Abril, 2024Sin comentarios

A Rede Museística Provincial de Lugo aterra no ​CPI Dr. López Suárez de Friol, para traballar co alumnado de Educación Primaria cuestións relativas ao patrimonio, á cultura, á comunidade e ao territorio.

Durante unha intensa xornada, as crianzas trataron todas estas cuestións en clave inclusiva: traballaron co Mapa de Fontán para analizar o seu territorio, analizaron as tallas de Asorey para conmemorar o Día das Artes Galegas dedicado ao escultor e coñeceron obras senlleiras dos museos como a Escola Doloriñas de Xulia Minguillón.

Ademáis, todas as accións foron acompañadas de actividades inclusivas, como a mostra de pictogramas para persoas neurodiverxentes e visitas guiadas con material en braille, pezas táctiles, soportes con distintas texturas, etc.

Este proxecto forma parte da función educativa do museo, que incentiva ás crianzas a manter unha relación máis estreita co seu patrimonio e historia.

Ao seu remate, a deputada da Área de Cultura Vicepresidencia, Iria Castro, fixo entrega do libriño Amadriñando a Rede, un pequeno álbum de vida a cubrir polas crianzas nas distintas visitas aos museos ata que cumpran 18 anos.