Skip to main content
Friol TERRACHÁXA

Friol estrea nova situación para a feira mensual cun gran éxito de público

Por 8 Abril, 2024Sin comentarios

A Feira Mensual de Friol, que tradicionalmente se celebra o primeiro domingo de cada mes, cambiou de situación despois de máis dunha década no recinto do mercado gandeiro. Desde este pasado domingo volve celebrarse no centro da capitalidade do municipio.

Centos e persoas e de postos acudiron a esta cita, que contou con animación musical e bo tempo.

O alcalde popular José Ángel Santos asegurou cando presentou a nova norma que “decidimos facer este cambio da nosa Feira Mensual tras comprobar que as transaccións de venda de animais vivos minguara moito nos últimos tempos, así que consideramos que non ten moito sentido manter o resto da infraestrutura da feira nun recinto afastado do centro do pobo”.

O equipo de goberno toma esta medida co obxectivo de darlle maior potencial á feira mensual e a todo o municipio, “fomentando a calidade e variedade da gastronomía local, promovendo o turismo e propulsando a vida social e cultural”.

Desde o Concello consideran que co novo emprazamento non só se conseguirá que se acheguen máis veciños e veciñas, senón tamén persoas doutros lugares, que terán un motivo máis para visitar e coñecer Friol, “instaurando xa como un novo costume que cada primeiro domingo de mes hai que visitar a Feira para desfrutar dos ‘Saberes e Sabores de Friol’”.

A organización dos diferentes postos é similar á que se leva a cabo na Feira do Queixo e Pan de Ousá. Na Praza Andón Cebreiro aséntanse postos metálicos, cubertos e con instalación eléctrica propia que o Concello pon a disposición dos produtores de Friol.

Na praza e nos seus arredores atópanse produtos agrogandeiros, téxtil, artesanía, etc. Os feirantes, que non teñen que pagar taxas municipais, tamén poden situarse no Parque Rosalía de Castro, a Praza Curros Enríquez e a Rúa Santa Isabel para expoñer os seus produtos.