Skip to main content
Pol LUGOXAPol TERRACHÁXA

Protección Civil recolle a diario a nenos con problemas co transporte en Pol

Por 13 Abril, 2024Abril 14th, 2024Sin comentarios

Tal e como asegurou o alcalde no Nadal, o Concello de Pol atopou unha solución provisional para recoller aos pequenos de transporte escolar que teñen dificultades coas paradas e achegalos ao colexio. Así o explicou o alcalde da localidade, o socialista Lino Rodríguez Ónega, que en numerosas ocasións fixo duras críticas polo “mal trato” do servizo de transporte da Xunta aos escolares do rural.

Así, un coche de Protección Civil recolle aos pequenos sobre as 8.00 horas, con tempo suficiente para chegar ao colexio, na parada de autobús que teñen ao lado da casa, “e na que a Xunta négase a parar, aínda que pasa por aí o autobús todos os días.

Os pequenos afectados son tres e teñen entre 7 e 10 anos. Nos dous casos viven ao lado dunha parada pero o sistema imposto pola Xunta para facer uso do transporte escolar, obrígaos a desprazarse un quilómetro, nun dos casos, e uns 800 metros noutro, “co perigo que supón ter que ir pola estrada. A opción que tiñan era ir por unha pista rústica pero no inverno no está en bo estado para transitar en moitas ocasións”.

Agora mesmo Protección Civil está recollendo a dous pequenos diariamente, na parroquia de Cirio e ata fai pouco facíao tamén con outro en Rioxoán, que durante un tempo os pais non puideron levalo polo nacemento dun irmán, pero agora volveron encargarse eles.

Dous nenos son recollidos nunha zona segura, á altura da Fonte de Rois, onde xa existe unha parada de bus en perfecto funcionamento, “pero mandan aos nenos lonxe das súas casas a collelo, non ten sentido ningún”, explica o alcalde.
Rodríguez Ónega asegura que a Xunta non arranxa o problema e quéixase de “mal trato á veciñanza do rural, facendo máis difícil que as persoas se asenten nas parroquias”.

“Tanto que falan da Galicia baleira e son eles mesmos os que tratan ao rural deste xeito poñendo máis trabas e problemas á veciñanza”, indica Ónega e subliña que “é unha vergoña o trato que nos están a dispensar, deixando claro que é unha mentira a súa preocupación polo rural xa que non se molestan en preocuparse un mínimo pola situación destas localidades que non teñen outros servizos alternativos”.

O alcalde asegurou que continuará coas súas demandas para que a Xunta estableza un sistema de transporte lóxico. “Temos sobre 15 nenos transportados e están dispersos, creo que hai que adaptarse un pouco ás necesidades do rural, sobre todo cando non implica ningunha modificación de ruta, en especial en casos sensibles como estes, nos que os protagonistas son nenos”.