Skip to main content
Vilalba

A película rodada en San Simón da Costa preséntase este venres en Vilalba

Por 4 Abril, 2024Sin comentarios

O auditorio de Vilalba acolle este venres, ás 19.00 horas a presentación da película Tratamos demasiado bien a las mujeres, nova longametraxe que a empresa compostelá Ficcion Producións filmou integramente en Galicia e en concreto na Escola Habanera da parroquia vilalbesa de San Simón da Costa.

O evento é gratuíto e asistirán os produtores executivos, Mamen Quintas e Julio Casal, a directora, Clara Bilbao, e varios actores do reparto entre os que estarán Antonio De la Torre, Óscar Ladoire, Cris Iglesias, Camilo Rodríguez e Iván Marcos

Esta comedia negra conta coa participación dos galegos Luis Tosar, Diego Anido, Iván Marcos ou Cristina Iglesias, entre outros e ademais de Antonio de la Torre, está protagonizada por Carmen Machi.

Un equipo de preto de 100 persoas participou na rodaxe de Tratamos demasiado bien a las mujeres, que deu comezo a finais de marzo do ano pasado en Vilalba. A longametraxe, que Ficcion coproduce coa compañía francesa Noodels Production, é un dos proxectos da liña de subvencións para atracción de rodaxes, con 350.000 euros, que conta tamén co apoio de TVG, RTVE e Prime Video. O concello lugués acolle todas as localizacións desta película, ambientado nos anos corenta do pasado século.

Comedia negra

Clara Bilbao, recoñecida deseñadora de vestiario gañadora de tres premios Goya, debuta deste modo na realización de longametraxes con esta comedia negra, inspirada na novela On est toujours trop bon avec les femmes, do francés Raymond Queneau. Nela, Carmen Machi interpreta a Remedios Buendía, unha muller sen escrúpulos que se enfronta a grupo de maquis refuxiado nun pequeno pobo da montaña.

A protagonista demostrará ata onde é capaz de chegar para defender a súa patria e os seus valores nunha historia cun enfoque diferente, que bota man da sátira, a melancolía e o humor para abordar temas importantes de xeito desenfadado.