Skip to main content
Vilalba

Cheo no auditorio para a presentacion do filme rodado en San Simón da Costa

Por 6 Abril, 2024Sin comentarios

O equipo de Tratamos demasiado bien a las mujeres, de Ficción Producciones, regresou a Vilalba para compartir un pase especial co público deste concello lugués, que acolleu hai un ano a maior parte da filmación desta película no edificio da Escola Habanera que se conserva na parroquia de San Simón da Costa. A súa gravación levouse a cabo integramente en Galicia co apoio da Xunta a través do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual.

O auditorio municipal acolleu esta presentación, seguida da proxección do filme, á que asistiron o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil. Tamén acudiu unha ampla representación do equipo artístico e técnico, entre a que se atopaban os seus produtores executivos, Mamen Quintas e Julio Casal, a súa directora, Clara Bilbao, e os intérpretes Antonio de la Torre, Óscar Ladoire, Cris Iglesias, Camilo Rodríguez e Iván Marcos.

Dirixida por Clara Bilbao na súa ópera prima e con guión de Miguel Barros, Carmen Machi e Antonio de la Torre encabezan un reparto coral que inclúe tamén os galegos Luis Tosar e Diego Anido ou os devanditos Cris Iglesias e Iván Marcos, entre outros. Tras a súa estrea na pasada edición do Festival de Málaga, esta comedia negra de maquis ambientada nos Pirineos pódese ver desde o pasado 15 de marzo no circuíto de salas comerciais baixo a distribución de Filmax.

Nove rodaxes en Galicia

Tratamos demasiado bien a las mujeres, coprodución de Ficción Producciones coa francesa Noodels Production, é un dos nove proxectos de cinema e de televisión que teñen Galicia como escenario a partir das axudas para a captación de rodaxes xestionadas pola Xunta ao abeiro do Hub. En concreto, achegáronse 350.000 euros para esta longametraxe, que contou tamén co apoio de TVG, RTVE e Prime Video.

Así o explicou Manuel Vila, quen interveu no acto en representación do Goberno galego para deixar testemuño do apoio ao sector audiovisual como axente dinamizador doutros moitos ámbitos económicos, como se demostrou durante as semanas de gravación de Tratamos demasiado bien a las mujeres en toda a actividade xerada na comarca da Terra Chá polas máis de 200 persoas desprazadas para os traballos.

Tamén expresou que o Hub supuxo toda unha planificación de investimento, con 9,6 millóns de euros durante o trienio 2021-2023, sen precedentes polas contías consignadas e pola especialización en cada una das liñas de axuda dispostas. “Pasado este tempo, e despois tamén de poder valorar os resultados económicos, non podemos máis que certificar que o esforzo de todos se traduciu en cifras moi alentadoras, xa que se acadou un impacto de máis de 32 millóns de euros”, engadiu.