30 bandas de 12 países formarán parte do programa Sinsal SON ás portas do seu 25 aniversario

O evento cultural, considerado un dos 10 mellores festivais de música de España, contará con 13 escenarios situados en espazos patrimoniais e arquitectónicos singulares de dous países
presentacion-festival-sinsal
13 Jul 2026

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia presenta hoxe, no Museo do Mar de Galicia, a súa edición de 2026. Considerado polos expertos un dos dez mellores festivais de música de España, o evento cultural do cartel secreto introduce este ano dous cambios no seu formato habitual: alén dos concertos na illa de San Simón, estende a súa programación durante dúas fins de semana para conectar o corazón da ría de Vigo con outros territorios da contorna e do país veciño, xusto ás portas de cumprir o seu 25º aniversario.

A primeira fin de semana desta “travesía”, que terá lugar do 24 ao 26 de xullo, conectará Vigo coa illa de San Simón. Sinsal manterá o seu formato habitual: horario diúrno, acceso en barco desde os portos de Vigo e Meirande (Rande) e un cartel artístico que o público non descobre ata que desembarca. A principal novidade desta primeira quenda de festival será a programación de dous concertos de inauguración na mañá do venres 24 en Vigo en dúas arquitecturas significativas da cidade: o Planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico e a cámara semianecoica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo.

A segunda fin de semana, do 31 de xullo ao 2 de agosto, transcorrerá por espazos do patrimonio industrial do porto de Vigo, o Real Mosteiro de Oia e, por primeira vez, estenderase ata Braga (Portugal) en colaboración co recoñecido Festival Semibreve. Con este percorrido polo Camiño Portugués, o festival recupera o eixo cultural entre Vigo, Porto e Lisboa que inspirou a posta en marcha de Sinsal a principios dos anos dous mil, cando os promotores viaxaban mensualmente ao país veciño para coñecer as novidades de clubs e tendas de discos como Matéria Prima.

Para facer posible esta travesía de 2026, o festival conta de novo co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio institucional tanto da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e da iniciativa Concertos do Xacobeo, coma da Deputación de Pontevedra e de Turismo Rías Baixas no marco de #RíasBaixasFest.

30 bandas e solistas, 15 estreas e 13 escenarios

O Festival Sinsal naceu no 2002 -desde 2011 celébrase na illa de San Simón- co obxectivo de visibilizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena musical galega, estatal e internacional. En cada edición é habitual poder coñecer propostas de estilos moi diversos e de agrupacións de países dos cinco continentes, unha enorme riqueza e diversidade estilística que define a identidade do proxecto.

A programación musical de Sinsal 2026 repartirase a través de seis xornadas de concertos que reunirán a 30 bandas, solistas e DJs en total, cuxa sonoridade transita entre as músicas de raíz, rock, cheer punk, hip hop, afrobeat, pop contemporáneo ou electrónica, entre outras. Os proxectos proceden de 12 países de catro continentes, con bandas de África (Nixeria, Tanzania, Mali, Exipto e Serra Leona), Europa (Alemaña, Inglaterra, Portugal), Asia (Xapón) e América (Estados Unidos e Colombia). No ámbito estatal, haberá unha nutrida representación de Andalucía, Baleares, Cataluña, Euskadi, Galicia, Madrid, Murcia e a Comunidade Valenciana.

No plano das novidades, o festival acollerá 10 estreas no ámbito estatal e 5 en Galicia, das cales só desvelou por agora a participación do dúo Las Nietas del Charli -que actuará o venres 31 na Nave de Redeir@s, no peirao vigués de Bouzas-, mais algunhas das estreas para o público galego inclúen bandas premiadas nos últimos anos.

O festival contará cun despregue de 13 escenarios, integrando recintos industriais, naturais, académicos e históricos de dous países. Na primeira quenda, a actividade musical desenvolverase na cámara semianecoica da UVigo, no domo do Planetario -o primeiro construído en España e segundo en Europa- e nos escenarios situados na illa, denominados Buxos Xacobeo 2027, San Simón Estrella Galicia, Santo Antón Galicia Calidade e Malmequeres. A programación secreta de concertos, ademais, acompañarase de oito actividades paralelas divulgativas co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio cultural, natural e histórico de San Simón, ademais de obradoiros de experimentación sonora e ata un showcooking coa recoñecida chef Begoña Vázquez.

Durante a segunda fin de semana, Sinsal estenderase a diversos espazos urbanos e patrimoniais como o Museu Nogueira da Silva e a Livraria Centésima Página en Braga - no marco do paseo musical Braga: pasos e espazos do Festival Semibreve- que incluirá as actuacións dos artistas portugueses Tomás Alvarenga e Alcrud3; ou a Nave de Redeir@s en Bouzas -con Las Nietas del Charli-, Kaleido Logistics no peirao do Areal -concerto especial de celebración do 50º da empresa viguesa, no que María Rodés actuará rodeada de bloques de granito procedentes de diferentes partes do mundo- e o Museo do Mar de Galicia, espazo que acollerá, como en San Simón, unha programación secreta -que destacará pola estrea en España de tres bandas, ademais dun recoñecido grupo galego- nos escenarios Xacobeo 2027 e Serea. Finalmente o festival rematará no Real Mosteiro de Oia, o único edificio cisterciense do mundo situado á beira do Atlántico, cun concerto de clausura da cantautora Alondra Bentley.

Novos avances do plan ambiental #sinsalsenrastro

No plano ambiental, o Festival Sinsal SON Estrella Galicia -recoñecido a nivel estatal e internacional en distintas ocasións, tamén nos Premios Fest e Iberian Festival Awards, polo seu compromiso coa sostibilidade- impulsa en San Simón e por terceiro ano consecutivo #sinsalsenrastro, a iniciativa que busca poñer en práctica, a todos os niveis -e apelando á responsabilidade compartida de equipo, provedores, patrocinadores, artistas e público- un modelo de xestión de residuos baseado na teoría das 3R: reducir, reutilizar e reciclar.

De novo, Sinsal eliminará as papeleiras tradicionais da illa para delegar a xestión de residuos na responsabilidade individual de cada asistente, centralizando a recollida e separación no Punto R, o corazón loxístico da xestión de residuos do festival. Igualmente, por segundo ano prescindirase da produción de vasos novos coa identidade do evento promovendo o uso do Kit Festivaleiro -e da vaixela reutilizable de Sinsal mediante depósito reversible-, mentres que a cervexa se servirá nos vasos oficiais e reutilizables de SON Estrella Galicia.

A principal novidade desta edición será que o público terá a oportunidade de deixar os seus vasos de plástico ríxido no Punto R. Grazas a un acordo de colaboración con Iluminacións Santiaguesas, estes residuos plásticos serán procesados e con eles fabricarase nova decoración de Nadal e outras festividades públicas.

Sinsal SON Estrella Galicia mantén activa a venda das últimas entradas dispoñibles para asistir á programación na illa de San Simón (vernes 24 e domingo 26) a través da páxina web www.sinsal.gal (os abonos e os billetes do sábado 25 están esgotados).

No caso da segunda fin de semana desta travesía, o público tamén pode adquirir no mesmo espazo web as entradas individuais para os concertos de Braga, Vigo e Oia, ademais dun abono especial, a prezo reducido, para todos os directos que terán lugar na cidade viguesa os días 31 de xullo e 1 de agosto.

0.26337003707886