48 bolsas de 10.000 euros impulsan a investigación e a formación artística na provincia da Coruña

A Deputación destina 480.000 euros a apoiar proxectos de investigación e a especialización de artistas en centros de Galicia, España e outros países
PLENO dipu coru
28 Sep 2026

A Deputación da Coruña concedeu 48 bolsas de 10.000 euros cada unha para apoiar a formación de investigadores e artistas da provincia. As resolucións definitivas das convocatorias correspondentes a 2026 foron publicadas este luns no Boletín Oficial da Provincia, cun investimento total de 480.000 euros.

As axudas están destinadas a facilitar o desenvolvemento de proxectos de investigación e a continuidade ou perfeccionamento da formación artística, tanto en Galicia como noutros puntos de España e no estranxeiro. O programa contempla 20 bolsas de investigación, cunha dotación global de 200.000 euros, e outras 28 bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos, que suman 280.000 euros.

No apartado de investigación, as axudas repártense entre cinco áreas de coñecemento. Artes e humanidades reciben cinco bolsas; ciencias, catro; ciencias da saúde, outras catro; ciencias sociais, xurídicas e estudos de xénero, cinco; e enxeñaría e arquitectura, dúas.

Os proxectos seleccionados abranguen ámbitos moi diferentes. Entre eles figuran investigacións sobre terapias CAR-T contra o cancro de pulmón, resistencia aos antibióticos no solo, xestión forestal sostible e integración de infraestrutura verde nos polígonos industriais da Coruña. Tamén se inclúen estudos relacionados coa historia, a literatura e a realidade social e económica de Galicia, como a Biblia de Santo Domingo de Bonaval, o 'Galician noir', a participación comunitaria e o asociacionismo sociocultural ou a vulnerabilidade estrutural de Galicia ante os cambios xeopolíticos.

As 28 bolsas destinadas ao perfeccionamento de estudos artísticos abranguen disciplinas como ilustración, artes plásticas e visuais, audiovisual, danza e artes do movemento, teatro e interpretación escénica e música.

As persoas beneficiarias poderán continuar a súa especialización en ámbitos como a interpretación de violín, violonchelo, viola, clarinete, fagot, acordeón e trombón, ademais de composición musical, danza contemporánea, formación actoral, produción artística, fotografía publicitaria, deseño de interfaces ou Concept Art. A formación desenvolverase en centros especializados de lugares como Madrid, Valladolid, Viena ou Basilea.

A Deputación sinala que o programa foi ampliando nos últimos anos tanto o número de beneficiarios como a contía das axudas. Segundo a institución provincial, pasouse de 40 a 48 bolsas e de 8.000 a 10.000 euros por persoa beneficiaria.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o obxectivo de apoiar o talento da provincia e facilitar que os beneficiarios poidan acceder a centros especializados nacionais e internacionais para continuar a súa formación ou desenvolver os seus proxectos.

0.3422749042511