A Acampada de Vigo solicitou que se axude ás persoas sen fogar que pernoctan na Alameda

A Acampada pola Vivenda de Vigo dirixiuse tanto ao Concello de Vigo como á Xunta de Galicia para solicitar unha intervención inmediata ante a situación das dez persoas sen fogar que actualmente pernoctan nas tendas da alameda de praza de Compostela, que se levantarán este domingo, día 15 de novembro.
Estas dez persoas están a recibir actualmente o acompañamento, apoio alimentario e protección que, dentro das súas posibilidades, lles proporciona o colectivo que sostén a iniciativa reivindicativa. O levantamento da acampada xera unha enorme preocupación polo seu futuro inmediato, xa que carecen de alternativas habitacionais e van quedar novamente expostas a unha situación de extrema vulnerabilidade e indefensión.
Os escritos foron dirixidos ao alcalde de Vigo, Abel Caballero Álvarez; á concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar Castro; e á delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz Álvarez.
A Acampada pola Vivenda lembra que ambas as administracións teñen responsabilidades legais na atención ás persoas en situación de exclusión social. “O artigo 25.2.e) da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, atribúe aos concellos competencias de avaliación e información de situacións de necesidade social e atención inmediata ás persoas en situación ou risco de exclusión social”, explican dende a acampada.
“Pola súa banda, o artigo 27.3 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Xunta competencias exclusivas en materia de vivenda, mentres que o artigo 27.23 recoñece tamén a súa competencia exclusiva en asistencia social”, apuntan dende o colectivo. “Ademais, a Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, establece nos seus artigos 58 e 64 as responsabilidades de ambas as administracións e a necesaria coordinación e cooperación institucional”, engaden.
“Por tanto, reclámase ao Concello de Vigo e á Xunta de Galicia que abandonen a súa guerra partidista e se senten a traballar de maneira coordinada para ofrecer unha solución urxente e efectiva a estas dez persoas”, sinalan.
A preocupación vese agravada polas condicións climáticas propias destas datas, coa chegada do frío, a humidade e as inclemencias meteorolóxicas que, advirten dende o colectivo, “poñen seriamente en risco a saúde e a integridade das persoas que se ven obrigadas a durmir á intemperie”.
“A esta situación engádese a crecente inseguridade que padecen as persoas sen fogar, tristemente evidenciada polos graves episodios de violencia aporófoba acontecidos na cidade nos últimos meses, nos que chegou a poñerse unha vez mais en perigo a vida de persoas que pernoctaban na rúa”, explican.
Para o colectivo, estes feitos reforzan a preocupación “dos colectivos sociais comprometidos cos dereitos dos veciños e veciñas ante o avance dunha preocupante onda reaccionaria e de discursos de odio que incrementan, se cabe, os xa elevadísimos riscos aos que se enfrontan habitualmente as persoas que dormen ao raso”.
“Cómpre lembrar que o artigo 15 da Constitución española recoñece o dereito fundamental á vida e á integridade física e moral, dereitos cuxa protección debe constituír unha prioridade para todas as administracións públicas”, subliñan, indicando que “non se trata dunha cuestión de confrontación política, senón dunha situación de urxencia humana que require responsabilidade institucional, coordinación e respostas inmediatas”.
“Como movemento cívico, pacifista e comprometido coa defensa dos dereitos dos colectivos máis vulnerabilizados, a acampada reitera a súa preocupación e solicita que ambas as administracións actúen antes do levantamento da acampada este domingo, evitando que estas dez persoas queden abandonadas á súa sorte”, conclúen.