A artista gráfica Mª Fe Quesada recibe a homenaxe anual polo Día da Ilustración de 2027

A autora destaca por unha ampla e recoñecida traxectoria en publicacións de literatura infantil e xuvenil de Galicia
maria-fe-quesada-ilustradora
5 Nov 2026

A Xunta colabora un ano máis polo Día da Ilustración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, que en 2027 homenaxeará a Mª Fe Quesada, unha artista cunha ampla e recoñecida traxectoria con traballos para publicacións de literatura infantil e xuvenil en Galicia.

Para sumarse aos festexos desta data, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude traballa xa na posta en marcha de diversas actividades como obradoiros ou exposicións baseadas nos proxectos desta artista, salientable polo seu talento precoz. Así o reflicte o feito de que, con tan só catro anos, gañase o primeiro Premio Nacional de Pintura Infantil, celebrado en Zamora, cidade onde naceu en 1957, aínda que as súas orixes son galegas, xa que o seu pai era o coñecido pintor Antonio Quesada.

Mª Fe Quesada nace no seo dunha familia de artistas, entre cabaletes, óleos e pinceis. Con nove anos trasládanse a Vigo e con 14 anos publica por vez primeira dúas ilustracións para a sección cultural do xornal Faro de Vigo e comeza, deste xeito, a asentar profesionalmente a súa paixón polo debuxo e a pintura.

A ilustradora ten admitido que o seu traballo en enfermería pediátrica contribuíu a súa paixón por especializarse no público infantil. Así, fiel seguidora das técnicas tradicionais de acuarela, temperás e pintura acrílica, dota as súas composicións de calidez, cores, movemento e detalles delicados.

Mª Fe Quesada é autora de carteis, ilustracións en libros de texto e contos para lectorado cativo cun intenso e amplo número de traballos que deu como resultado que os seus debuxos marcasen a moitos pequenos lectores galegos das xeracións dos 80 e principios dos 90 do pasado século. Así, os Cuentos de Maricastaña, O segredo da Pedra Figueira, O Avó de Pipa, O día que choveu de noite, O gaiteiro e o rato ou a edición en galego de clásicos como Pinocho ou Polgariño son obras entre o máis de cento recoñecibles polos seus trazos e cores tan característicos.

Débese salientar que a calidade do seu traballo levouna a ser seleccionada na Bienal Internacional de Ilustración de Bratislava nos anos 1992, 1994 e 1996 . Ademais, coa obra Quen me quere adoptar?, escrita por Fina Casaldrerruy, foi incluída na lista do prestixioso catálogo internacional The White Ravens.

Por outra banda, entre os seus proxectos para a ilustración de iniciativas ou campañas destaca a do fomento á lectura da Xunta de Galicia no ano 2000, Abril, mes dos libros ou o do Día das Letras Galegas de 2006, dedicado a Manuel Lugrís Freire.

O Día da Ilustración naceu co obxectivo de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais gráficos na industria cultural a través da homenaxe que se fai cada ano a un ilustrador ou ilustradora galega. Para celebrar a efeméride, creada no 2014, tomouse como referencia o nacemento de Alfonso Rodríguez Castelao, e forma parte do Calendario do Libro e da Lectura que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Desde entón, foron recoñecidos nomes como o de Lolita Díaz Baliño, Federico Ribas, Chichi Campos, Reimundo Patiño, Xosé Vizoso ou Siro, entre outros.

0.35219597816467