A Axencia da Protección da Legalidade Urbanística actuou en 121 ocasións o ano pasado

Realizáronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10
actuacion-pontevedra-legalidad-urbanistica
6 Jun 2026

A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia.

Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Durante o ano 2025, a APLU levou a cabo preto de 1.000 actuacións inspectoras, que deron lugar á apertura de 165 novos expedientes relacionados con posibles infraccións urbanísticas. No mesmo período resolvéronse 254 expedientes, catro máis que no exercicio anterior. Cómpre ter en conta que o prazo de resolución destes expedientes é de 12 meses, polo que esta cifra inclúe tamén os procedementos iniciados en anos anteriores.

No balance da actividade administrativa do 2025 da APLU, concrétase tamén que son 50 os expedientes sancionadores resoltos, todos eles por infraccións á normativa de Costas. A diferencia respecto do ano anterior é de 7 expedientes sancionadores máis.

No balance do pasado exercicio tamén se contabilizan 312 multas coercitivas impostas, correspondentes a expedientes de diferentes anualidades, unha cifra lixeiramente inferior á do ano 2024 (355). O importe total das sancións e multas coercitivas impostas alcanzou o millón de euros.

Por provincia, deste total de 312 multas impostas, 119 se tramitaron na provincia de Pontevedra, 72 na da Coruña, 87 na de Lugo e 34 na de Ourense. A maior concienciación cidadá e o desenvolvemento do programa de actuación dos axentes da APLU están a contribuír a estabilizarse e reducir o número de sancións impostas desde o ano 2017, cando se acadou o pico máis alto con 637 sancións.

En relación coa actividade máis puramente administrativa, no 2025 interpuxéronse 226 recursos administrativos e resolvéronse 481, o que permitiu avanzar na axilización destes procedementos.

0.33046698570251