A cancelación do Festival Hércules Brass de Celanova chegará ao Parlamento galego

O BNG rexistrará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para pedir explicacións á Xunta pola cancelación da edición de 2026 do Festival Hércules Brass de Celanova.
O deputado nacionalista Iago Tabarés atribúe a suspensión do certame á falta de implicación do Goberno galego e considera que esta situación supón un novo exemplo do abandono das iniciativas culturais no interior de Galicia.
O Festival Hércules Brass viña celebrándose de maneira continuada desde 2014 e consolidárase como unha cita destacada no ámbito da música de cámara e vento metal. Ademais da súa dimensión artística, o BNG subliña o seu impacto na dinamización cultural, económica e social de Celanova e da comarca.
Tabarés sinala que a organización e o Concello de Celanova realizaron esforzos para manter a edición deste ano, pero que a falta de apoio da Xunta fixo inviable a súa continuidade.
A formación nacionalista reclamará que o Goberno galego explique por que non garantiu o apoio necesario ao festival e que medidas prevé adoptar para evitar a desaparición doutras iniciativas culturais no rural.