A central telefónica de atención á soidade non desexada recibiu no seu primeiro ano preto de 8.000 chamadas

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor este mediodía o bo funcionamento da central de atención telefónica de atención á soidade non desexada da Xunta, que recibiu preto de 8.000 chamadas neste primeiro ano de actividade. De feito, o persoal atende unha media de 21 consultas ao día, tal e como avanzou tras a sinatura dun convenio coa presidenta da Cruz Vermella, Mercedes Casanova, para reforzar e consolidar con 300.000 euros este servizo público e gratuíto para a cidadanía.
A conselleira recalcou que “as cifras demostran a boa acollida desta central”, que non deixa de ser “un recurso que sempre está dispoñible para quen máis o precisa, ofrecendo atención, asesoramento e acompañamento”. Por iso é tan importante, resaltou, o apoio e a calidade humana de todos os operadores que descolgan o teléfono e que fan un importante labor diario.
Con todo, a conselleira lembrou que esta central telefónica é só un dos piares da Estratexia galega contra a soidade non desexada, que consta dunha ampla folla de ruta centrada en tres eixos: a sensibilización, a prevención e a actuación. Deste xeito, explicou que o Goberno galego xa leva anos impulsando accións destinadas a prever estas situacións a través de programas como Xantar na Casa ou Xuntos polo Nadal.
A estas iniciativas súmanse os convenios de colaboración cos Colexios Oficiais de Administradores de Fincas, de Farmacéuticos e as Asociacións de Comerciantes, organismos de proximidade que son imprescindibles para sensibilizar e detectar calquera sinal de alerta. Tal e como remarcou a conselleira, trátase dunha alianza fundamental para seguir ampliando a rede de apoio e chegar a quen máis o precisa.