A CIG-Administración Autonómica denuncia que a Xunta precariza o persoal formador en lingua galega

O sindicato critica que os 18 postos da relación de postos de traballo estean configurados a media xornada e con só sete meses de actividade anual
lingua-galega-recurso
14 Sep 2026

A CIG-Administración Autonómica reclama á Xunta a ampliación inmediata e con efectos retroactivos da xornada do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua, ao que, segundo denuncia a organización sindical, se lle duplicou a carga de traballo desde o pasado 1 de setembro. O sindicato advirte de que esta situación pode poñer en risco os prazos, a atención ao alumnado e a calidade da formación.

A central sindical sostén que «o deber legal de capacitar o persoal público en galego non pode depender de convenios temporais nin asentarse na precariedade laboral» e reclama que se garanta tanto a xornada completa como a actividade durante os doce meses do ano.

Na primeira xuntanza para negociar as condicións laborais do colectivo, celebrada o 8 de setembro, a Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude recoñeceu, segundo a CIG, que o problema xa existía antes da estabilización derivada da Lei 20/2021. O sindicato sinala que a Administración propuxo como solución provisional o recurso a horas complementarias, sen garantir a xornada completa nin a actividade durante todo o ano.

A CIG asegura tamén que a Administración non achegou informes sobre o tempo necesario para desenvolver as tarefas, a carga efectiva de traballo, a demanda atendida e non atendida, o financiamento, o impacto de xénero ou o custo da ampliación. Segundo a organización sindical, a Xunta xustifica a situación na anualidade orzamentaria, na dependencia de convenios e fondos externos e nos límites previstos para incrementar determinadas partidas en 2027.

Para a CIG-Administración Autonómica, estes argumentos non xustifican unha situación de precariedade que, segundo denuncia, se prolonga desde hai décadas.

O sindicato critica que os 18 postos da relación de postos de traballo estean configurados a media xornada e con só sete meses de actividade anual, ao considerar que non son suficientes para atender a demanda existente.

A CIG pon como exemplo os datos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de 2024, cando se convocaron oficialmente 750 prazas para os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega (LAG e LXG), fronte ás preto de 5.000 solicitudes, segundo os únicos datos facilitados pola propia Escola. A organización sindical afirma que milleiros de empregados públicos quedan sen formación ano tras ano.

A central considera que a continuidade durante décadas dos cursos Celga, LAG e LXG, a renovación anual dos convenios e a propia estabilización dos postos demostran que existe unha necesidade estrutural. Por iso, defende que a natureza do servizo non pode quedar condicionada polo feito de que o seu financiamento proceda de fondos ou convenios temporais.

A formación en galego, un deber legal

A CIG-Administración Autonómica defende que a formación lingüística en galego está vinculada ao dereito da cidadanía a empregar esta lingua, á obriga dos poderes públicos de garantilo e á preparación do persoal público para atender, redactar e tramitar en galego con corrección e seguridade.

O sindicato lembra que o artigo 3.1.i) da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, na redacción dada pola Lei 10/1989, atribúe a este organismo a capacitación do persoal, a difusión e normalización do galego na Administración e a participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica.

A organización sindical considera que se trata, polo tanto, de deberes públicos permanentes e non de tarefas condicionadas á existencia dun convenio anual. Neste sentido, alerta da perda de falantes, da feble presenza do galego en ámbitos profesionais e da insuficiente competencia lingüística de parte do persoal público.

A CIG sinala ademais que a proposta do Goberno galego de actualización do Plan xeral de normalización da lingua Galega en 2026 recoñece a elevada demanda, a insuficiencia da oferta especializada e o limitado protagonismo da EGAP, da Academia Galega de Seguridade Pública e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Para o sindicato, resulta «contraditorio» anunciar a revitalización do idioma mentres se precariza o persoal encargado de desenvolvela. A CIG conclúe que «un plan sen persoal suficiente, estabilidade, orzamento e avaliación non é unha política lingüística efectiva: é propaganda».

A CIG-Administración Autonómica asegura que solicitou información sobre quen imparte e titoriza os cursos, quen coordina a formación, quen realiza as segundas e terceiras correccións, quen elabora os materiais e exames e quen participa nas avaliacións. Tamén reclama datos sobre os convenios, as entidades asinantes, as horas, as retribucións e as compatibilidades.

Segundo a información trasladada polo colectivo e recollida pola organización sindical, parte destas tarefas estaría sendo realizada por persoal doutras escalas da Xunta ou doutras administracións que xa traballa a xornada completa. A CIG afirma que a Secretaría Xeral Técnica non aclarou o alcance destas colaboracións nin a distribución efectiva da carga de traballo.

O sindicato considera «inaceptábel» manter o persoal propio a media xornada e con actividade descontinua mentres parte das súas funcións se atribúen a outras persoas como segunda actividade. A CIG defende que o traballo estrutural debe corresponder ao colectivo que ten esas funcións encomendadas e que as colaboracións externas, no caso de existir, deben ser excepcionais, complementarias, motivadas e transparentes.

A CIG alerta do impacto sobre as mulleres

A organización sindical chama tamén a atención sobre a dimensión de xénero desta precariedade. Segundo os datos que achega, en 2016 o colectivo de persoas colaboradoras estaba integrado por 51 mulleres e 11 homes, o que supuña un 82 % de mulleres, unha tendencia que, segundo a CIG, se mantén.

O sindicato considera que a parcialidade, a descontinuidade e a imprevisibilidade afectan ás retribucións, á cotización, á protección social e á conciliación, polo que reclama que se avalíe expresamente o impacto de xénero.

A CIG sinala tamén que as condicións económicas provocaron varias renuncias despois da estabilización. Segundo denuncia, a Administración non fixou un prazo certo para publicar a relación complementaria dos procesos selectivos e aprazou ata 2027 a posible incorporación de persoal.

Por este motivo, a organización sindical esixe a cobertura inmediata das prazas e unha listaxe específica, consonte o Decreto 37/2006, para substituír con axilidade baixas, permisos e renuncias.

Finalmente, a CIG informa de que parte do colectivo comunicou a presentación dunha denuncia ante a Inspección de Traballo e advirte de que a negociación das condicións laborais non debe limitar os dereitos nin as accións individuais ou colectivas xa iniciadas.

0.34419107437134