A CIG denuncia a saturación do equipo de Execución Civil e Familia de Santiago e reclama cubrir cinco prazas

A CIG-Xustiza denuncia a situación de saturación estrutural que sofre o equipo de Civil e Familia do Servizo Común de Execución de Santiago de Compostela e reclama á Dirección Xeral de Xustiza a cobertura urxente das cinco prazas vacantes que existen actualmente.
O sindicato asegura que o problema non deriva da implantación da nova Oficina Xudicial, completada a finais de 2025, senón dun déficit de persoal mantido no tempo. Neste sentido, destaca que as sentenzas ditadas polo equipo pasaron de 1.527 en 2023 a 2.180 en 2024 e a 2.490 en 2025, o que supón un incremento acumulado do 63,1 % en dous anos.
A CIG precisa que, dos 32 efectivos que a Xunta atribúe ao conxunto do Servizo Común de Execución nas xurisdicións civil e penal, 17 corresponden ao equipo Civil, cinco ao de Contencioso-Administrativo e Social e dez á área Penal. No equipo Civil, o cadro previsto é de 17 persoas, cinco xestores e doce tramitadores, pero actualmente só hai 12 efectivos, debido a dúas vacantes de xestión e tres de tramitación. Catro destas prazas levan meses sen cubrir.
A organización sindical sinala que o equipo está funcionando así co 70,6 % do persoal previsto. Ademais, dous dos tramitadores están destinados á materia de Familia, polo que a área de Civil Xeral queda reducida a dez persoas, tres xestores e sete tramitadores, fronte ás 15 que corresponderían cun cadro completo.
Segundo o informe da CIG, cada profesional de execución civil xeral asume unha media de 230 execucións correspondentes a 2024 e 2025, fronte ás 153 que lle corresponderían cun cadro completo. Nos escritos pendentes, a media é de 166 por profesional fronte aos 110 previstos, o que representa unha sobrecarga do 50 % nas execucións e do 51 % nos escritos.
O sindicato advirte de que estas cifras representan só un mínimo da carga real, xa que non inclúen os procedementos de anos anteriores que continúan pendentes. Ademais, as execucións de títulos xudiciais pasaron de 1.556 en 2024 a 1.803 en 2025, mentres que as execucións en trámite correspondentes aos dous últimos anos xa ascenden a 2.300. A isto súmanse 1.655 escritos pendentes de prover, 700 deles concentrados nunha única praza.
A CIG lembra que a sección tamén tramita procedementos de maior complexidade, como as execucións de títulos non xudiciais e as execucións hipotecarias, que non están incluídas nas cifras anteriores.
Atrasos que afectan á tutela xudicial efectiva
Para a CIG, a situación transcende o ámbito interno da Administración de Xustiza, xa que a execución é a vía que permite facer efectivo o dereito recoñecido nunha sentenza. O sindicato alerta de que os atrasos poden afectar á tutela xudicial efectiva e a cuestións como o pagamento de pensións de alimentos, a protección de vítimas de violencia de xénero, a recuperación de rendas ou o cobro de débedas das comunidades de propietarios.
O informe sinala que os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial tamén apuntan a unha elevada carga no Partido Xudicial de Santiago, con 1.688 asuntos civís rexistrados, 1.424 resoltos e 6.496 en trámite ao remate do período analizado. Mentres a pendencia civil se reduciu un 8,1 % no conxunto de Galicia en 2025, as execucións en trámite nesta sección aumentaron un 52,7 %.
Ante esta situación, a CIG reclama o nomeamento inmediato de persoal interino xa formado para cubrir as cinco vacantes, sen agardar pola futura bolsa de interinos. Tamén pide a cobertura definitiva das prazas, un plan específico para o equipo de Execución Civil, datos públicos desagregados sobre persoal por xurisdición e sección e unha reunión coa representación sindical para avaliar as cargas de traballo e as necesidades reais de efectivos.
O sindicato reclama finalmente á Dirección Xeral de Xustiza unha resposta por escrito, con prazos concretos e un calendario para garantir a cobertura efectiva das prazas.