A CIG do naval vigués mobilízanse no estaleiro Armón contra o incumprimento da xornada continuada

A medida incluírase no convenio para protexer o persoal do estrés térmico
protesta-naval-vigo
15 Jul 2026

Un grupo de persoas delegadas da CIG e traballadoras do sector naval vigués desenvolveu hoxe unha concentración ás portas do estaleiro Armón para denunciar que a dirección está a incumprir a xornada continuada de verán no mes de xullo pactada no convenio colectivo para paliar o estrés térmico do cadro de persoal.

A central tivo coñecemento de que a compañía está a presionar as persoas traballadoras coa intención de non cumprir este acordo “de mínimos” do convenio, poñendo os intereses da empresa por riba da saúde laboral.

Nese senso, dende a CIG-Industria lembran que durante as negociacións do convenio propuxeron que nos meses de verán se fixera xornada continua de mañá para combater os efectos das altas temperaturas, medida que debera estenderse aos meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Mais o convenio o acordo final, asinado por CCOO e UGT coa patronal, recolleu unicamente a xornada continuada en xullo, “algo para nós totalmente insuficiente, até o punto de que foi un dos motivos polos que non ratificamos o documento”.

O convenio establece unha xornada de 40 horas semanais, con xornada continua no mes de xullo na quenda de mañá. “A forma na que as compañías organizan esta quenda é a súa responsabilidade, non responsabilidade das persoas traballadoras”, sinalan na central sindical.

Ao tempo que fan fincapé en que se as empresas non establecen a xornada de oito horas seguidas será responsabilidade dela, polo que non poden descontalas das vacacións. “Doutro xeito, entenderemos que as organizacións empresariais ASIME e INSTALECTRA asinaron o convenio coa intención de non cumprilo”.

Finalmente, anuncian que se algunha empresa ou estaleiro incumpre o acordado a CIG interporá a denuncia correspondente diante da Inspección de Traballo por vulneración de convenio colectivo e modificación substancial das condicións de traballo en materia de horario laboral, “como xa fixemos o pasado 18 de xuño polas condicións termohigrométricas e o estrés térmico”.

0.29386591911316