A CIG-Ensino denuncia o incumprimento da obriga da UVigo de aplicar as subas salariais

Segundo o sindicato, é a única das universidades galegas que aínda mantén pendente o aboamento destes incrementos a arredor de 600 traballadores e traballadoras afectados
investigacion-laboratorio
19 Jun 2026

A CIG-Ensino denunciou que a Universidade de Vigo continúa sen cumprir a sentenza do Tribunal Supremo que a obriga a aplicar as subas salariais correspondentes aos anos 2022 e 2023 ao persoal docente e investigador (PDI) con contratos predoutorais, posdoutorais e vinculados a proxectos de investigación.

Segundo informa o sindicato, a UVigo é a única das universidades galegas que aínda mantén pendente o aboamento destes incrementos retributivos a arredor de 600 traballadores e traballadoras afectados. A resolución xudicial, ditada pola Sala do Social do Tribunal Supremo en novembro de 2025, desestimou o recurso presentado pola institución académica e confirmou a obrigatoriedade de aplicar estas melloras salariais ao colectivo afectado.

A sentenza establece que a Universidade de Vigo debe aboar os atrasos derivados do incremento retributivo do 1,5% correspondente ao ano 2022 e do 2,5% correspondente ao ano 2023, cantidades que, segundo a CIG, son de obrigado pagamento desde novembro do pasado ano.

O sindicato asegura que leva meses tentando negociar coa universidade a forma de executar estes pagamentos. Neste tempo, mantivéronse reunións, presentáronse escritos e realizáronse distintas peticións para que se cumpra a resolución xudicial, sen que ata o momento exista unha resposta concreta por parte do equipo reitoral en funcións.

Desde a organización sindical lamentan que o equipo reitoral saínte non deixase resolta esta cuestión, que afecta a centos de profesionais da investigación, e advirten de que a falta de actuación obriga ás persoas afectadas a recorrer novamente aos tribunais para reclamar individualmente uns dereitos xa recoñecidos nun conflito colectivo gañado pola CIG.

Ante esta situación, a CIG-Ensino anima o persoal afectado a presentar reclamacións individuais para esixir tanto o cobro das cantidades recoñecidas na sentenza como os xuros xerados polo atraso no pagamento. Ademais, o sindicato pon á disposición dos traballadores e traballadoras un modelo de reclamación co obxectivo de facilitar o inicio dos trámites correspondentes.

0.34279489517212