A CIG esixe que se priorice o mantemento da actividade das empresas Frigodeza, Nucamsa e Rivero

Demándalle ao administrador concursal que opte polas ofertas neste sentido e adopte medidas de vixilancia para evitar a venda de activos
frigodeza-concentracion
14 Oct 2026

A FGAMT-CIG de Pontevedra esixe que se priorice o mantemento da actividade das empresas Industrias Frigoríficas del Deza (Frigodeza), Nutrimentos del Campo (Nucamsa) e Riverno Alimentación, pertencentes ao Grupo Campos e que se atopan en fase de concurso de acredores.

Dende a central sindical demandan do administrador concursal que opte polas ofertas que aposten pola continuidade das unidades produtivas e dos empregos, ao tempo que lle reclaman a adopción de medidas de control e vixilancia para evitar a venta de activos e a descapitalización das compañías.

As tres firmas, situadas en Lalín, Dozón e O Carballiño respectivamente, atópanse en fase de liquidación tras varios ERTE e ERE consecutivos como consecuencia da “nefasta xestión” da dirección do grupo empresarial pertencente á familia Campos, un de cuxos membros é o alcalde de Dozón, Adolfo Campos. En 2025 presentaron concurso de acredores, sendo designado polo Xulgado un administrador concursal da Coruña. “Dende entón existe unha total falta de información sobre se se van priorizar as ventas para manter os postos de traballo, porque a tardanza na toma de decisións está a provocar o desmantelamento das empresas”, tal e como denuncia Xavier Aboi, da FGAMT-CIG de Pontevedra.

O responsábel sindical sostén que Frigodeza, por exemplo, foi desmontada “case pedra a pedra para roubar todo o que podían vender”. Despois aconteceu practicamente o mesmo coas granxas, e agora con Nucamsa, a pesar das comunicacións por mensaxe da CIG -ante a imposibilidade de falar de xeito presencial co administrador concursal como noutras ocasións- para que se tomaran as medidas necesarias para impedilo. “Sabemos que Rivera xa foi vendida á mellor oferta e que hai ofertas por Nucamsa, pero non sabemos que é o que se vai priorizar, polo que demandamos que se aposte por proxectos que garantan o futuro dunhas empresas que chegaron a ter máis de 100 persoas traballando”.

0.33821702003479