A CIG-Saúde denuncia que o helicóptero do 061 de Santiago leva inoperativo desde o 6 de novembro

O sindicato critica que a nova licitación do transporte sanitario aéreo leva dous anos pendente e alerta dos problemas de mantemento e seguridade da aeronave
helicoptero-medicalizado
12 Nov 2026

A CIG-Saúde denuncia que o helicóptero sanitario do 061 de Santiago de Compostela permanece inoperativo desde o pasado 6 de novembro, sen que a dirección ofrecese explicacións claras sobre as causas da incidencia nin sobre a previsión de recuperación do servizo. Esta situación súmase aos problemas de funcionamento e aos incumprimentos contractuais que, segundo a organización sindical, se veñen producindo desde hai anos.

As traballadoras e os traballadores manifestan o seu esgotamento ante unha situación que consideran insostíbel. Aseguran que, malia as numerosas reunións mantidas coa dirección, “non se achegaron solucións satisfactorias ás súas demandas, especialmente ás relacionadas coa seguridade”.

A inoperatividade da aeronave está a cubrirse cunha ambulancia de soporte vital avanzado (SVA), un recurso que non ofrece as mesmas prestacións, xa que o helicóptero atende emerxencias en toda Galiza, mentres que “a ambulancia ten o seu ámbito de actuación limitado a Santiago e á súa contorna”.

A central sindical advirte de que o mantemento da aeronave e a subministración de pezas de reposición “estase levando ao límite”. A esta situación engádense, segundo denuncia, incumprimentos contractuais como a falta de cobertura dos horarios operativos, a ausencia dunha aeronave de substitución e as carencias de material sanitario.

A CIG-Saúde tamén sinala que “a situación agrávase polo concurso de acredores no que se atopa a empresa adxudicataria, Eliance”, circunstancia que aumenta a incerteza sobre a continuidade e as condicións de prestación do servizo.

Ante este escenario, o sindicato esixe á dirección do 061 respostas concretas e medidas inmediatas para garantir que o helicóptero funcione coas debidas condicións de mantemento e seguridade. Reclama que “nin a continuidade nin a ampliación da actividade supoñan un risco para as persoas profesionais e as pacientes” e insiste en que “a seguridade debe ser unha condición imprescindíbel para o funcionamento deste recurso sanitario esencial”.

Dous anos de espera pola nova licitación

A CIG-Saúde critica tamén a paralización da nova licitación do transporte sanitario aéreo, pendente desde hai dous anos, así como a falta de transparencia sobre os prazos e as condicións do futuro contrato.

Neste sentido, alerta de que a insuficiencia do orzamento previsto e a posibilidade de introducir recortes nos pregos “xeran preocupación polas consecuencias que poderían ter sobre o mantemento e a seguridade operativa”.

O sindicato considera imprescindíbel que o novo contrato estableza que a aeronave conte con piloto e copiloto e que exista presenza física dun ou dunha mecánica de mantemento na base.

Finalmente, a CIG-Saúde cuestiona o anuncio da ampliación do servizo cun helicóptero operativo as 24 horas, xa que considera que a Administración debe resolver primeiro as deficiencias actuais. “Antes de anunciar novas ampliacións, é necesario garantir que o helicóptero existente funcione en condicións de seguridade”, conclúe a organización sindical.

0.95912194252014