A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica denuncia falta de transparencia co Pazo de Meirás

A entidade reclama ao Estado acceso ao expediente da declaración como Lugar de Memoria e pide á Xunta que cumpra as súas obrigas de protección e visita pública do ben
Imaxe do interior do pazo de Meirás
27 Aug 2026

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) denuncia novos episodios de falta de transparencia e incumprimentos relacionados coa xestión do Pazo de Meirás, tanto por parte da Administración Xeral do Estado como da Xunta de Galicia.

A entidade sinala que o Boletín Oficial del Estado publicou o pasado 14 de agosto a resolución pola que se declara o Pazo de Meirás como Lugar de Memoria. Ese mesmo día, a CRMH presentou ante a Secretaría de Estado de Memoria Democrática unha solicitude para acceder ao expediente administrativo da resolución, na súa condición de entidade interesada.

Segundo denuncia a asociación, transcorrido xa máis da metade do prazo para presentar un recurso de reposición, o Estado aínda non lle facilitou o acceso ao expediente. Para a CRMH, esta situación supón un novo episodio de opacidade e unha vulneración dos seus dereitos.

A saída de bens do interior do Pazo

A Comisión tamén volve poñer o foco na recente retirada de bens mobles do Pazo de Meirás por parte dos herdeiros de Francisco Franco. Segundo a entidade, diversos obxectos vinculados tanto á etapa de Emilia Pardo Bazán como á ditadura franquista saíron do interior das Torres de Meirás sen que, ao seu xuízo, existise suficiente información pública sobre o proceso.

A CRMH critica neste punto a actuación da Xunta, á que acusa de non exercer as competencias que lle corresponden segundo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, tendo en conta que o Pazo de Meirás conta coa consideración de Ben de Interese Cultural na categoría de Sitio Histórico.

A asociación presentou ademais un escrito ante a Consellería de Cultura para reclamar a súa intervención ante o que considera un incumprimento do réxime de visitas públicas establecido pola normativa.

Reclaman máis acceso ao Pazo de Meirás

A CRMH cuestiona tamén as actuais condicións de acceso ao Pazo. A entidade considera especialmente rechamante que, tras pasar a ser unha propiedade pública, existan maiores limitacións para as visitas que durante a etapa na que o inmoble estaba formalmente en mans dos herdeiros de Franco.

Segundo a asociación, as limitacións no número de accesos impediron atender durante o mes de agosto parte da elevada demanda existente, precisamente nun período de especial afluencia.

A entidade alerta ademais de que, segundo informacións difundidas publicamente, estaría prevista unha nova visita dos herdeiros de Franco para continuar coa retirada de bens mobles.

Tamén piden retomar o protocolo de 2021

A situación do Pazo de Meirás inclúe tamén, segundo a CRMH, o proceso de liquidación do estado posesorio derivado da execución da sentenza do Tribunal Supremo, que implica a indemnización aos herdeiros de Franco.

A asociación denuncia igualmente o incumprimento do Protocolo de actuacións promovido polo Estado e asinado en xuño de 2021. Segundo sinala, as comisións previstas neste documento non volveron reunirse desde a súa sinatura.

Ante esta situación, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña reclama acceso ao expediente da declaración do Pazo como Lugar de Memoria, explicacións sobre a saída de bens mobles, unha actuación da Xunta en materia de protección e visita pública, transparencia no proceso de liquidación do estado posesorio e a actualización e posta en marcha das comisións previstas no protocolo.

0.37776494026184