A Comunidade de Montes de Teis denuincia ao Concello de Vigo de prevaricación

A Comunidade de Montes de Teis informou este venres, 18 de setembro, de que puxo en coñecemento da Fiscalía Anticorrupción uns feitos que considera presuntamente constitutivos dun delito continuado de prevaricación por parte do Concello de Vigo.
A entidade lembra que no ano 2009 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou sentenza firme a favor da demanda presentada pola Comunidade de Montes de Teis, na que reclamaba a titularidade de diferentes parcelas que foran ocupadas polo Concello de Vigo e que formaban parte do Monte Veciñal de Teis. Como consecuencia desta resolución, os terreos nos que se atopaban as instalacións do Zoo de Vigo foron recoñecidos como propiedade da comunidade.
Porén, a sentenza recoñecía a titularidade dos terreos, pero non a das instalacións e construcións existentes neles, ao apreciar a existencia de boa fe na ocupación das parcelas por parte do Concello de Vigo. Debido a esta circunstancia e á imposibilidade económica da Comunidade de Montes de Teis de resarcir o Concello polo valor das instalacións existentes, o Goberno local continuou ocupando e xestionando o Zoo de Vigo en situación de precario.
Segundo explica a comunidade, a propia sentenza establecía que, mentres o Concello permanecese nas instalacións situadas sobre os terreos da súa propiedade, non podería executar obra nova, quedando limitadas as actuacións permitidas ás necesarias para a reposición e o mantemento das instalacións existentes.
Ao longo dos anos, a Comunidade de Montes de Teis asegura que realizou múltiples tentativas para resolver a situación mediante un acordo entre as partes. Porén, afirma que se atopou coa negativa do Concello de Vigo e cunha política que, ao seu entender, contribuíu a invisibilizar o problema e a ignorar na práctica a situación derivada da sentenza xudicial.
A entidade sostén que, a pesar do establecido na resolución xudicial, o Concello continuou executando novas obras no Zoo de Vigo, unha actividade que se tería intensificado especialmente nos últimos anos.
Precisamente en 2023, e ante o incremento da execución de obra nova, a concelleira delegada responsable contactou coa Comunidade de Montes de Teis para iniciar unha negociación que permitise alcanzar un acordo e posibilitar unha transformación legal do Zoo de Vigo na instalación actualmente denominada Parque das Ciencias.
A reunión, segundo relata a comunidade, foi solicitada pola propia concelleira delegada e nela acordouse que a Comunidade de Montes de Teis presentaría unha proposta de acordo ao Concello de Vigo. A entidade asegura que presentou esa proposta, pero que nunca recibiu resposta por parte do Concello, que posteriormente continuou coa execución de novas obras.
A Comunidade de Montes de Teis sinala que se trata, en moitos casos, de actuacións de relevancia, perfectamente visibles, anunciadas polo propio Concello de Vigo e recollidas con frecuencia nos medios de comunicación.
A entidade considera que, para que a transformación do antigo Zoo de Vigo no actual Parque das Ciencias se produza dentro dun marco de legalidade, é necesaria a titularidade ou dispoñibilidade legal dos terreos sobre os que se asenta a instalación. Segundo afirma, esta circunstancia non se daría actualmente ao non estar regularizada a situación da propiedade dos terreos.
A denuncia chega, segundo a comunidade, nunha situación que considera de «absoluto desamparo», ante o que entende como unha actuación municipal que se estaría producindo sen atender ao establecido pola sentenza firme.
A Comunidade de Montes de Teis considera de «especial gravidade» os feitos expostos, ao entender que podería existir un posible incumprimento mantido no tempo dunha sentenza firme por parte do Concello de Vigo, ao que sinala como unha administración pública que debería garantir o seu cumprimento.
Do mesmo xeito, a entidade considera que os feitos descritos poderían poñer de manifesto unha falta de boa fe por parte do Concello de Vigo no cumprimento das obrigas derivadas da resolución xudicial.
Agora será a Fiscalía a encargada de estudar os feitos postos no seu coñecemento e determinar a súa natureza xurídica, así como, se procede, as posibles responsabilidades que puidesen derivarse deles.
A Comunidade de Montes de Teis reclama que se esclareza a situación e que se determine se as actuacións realizadas polo Concello de Vigo se axustan ao establecido pola sentenza firme e ao ordenamento xurídico vixente.