A correspondencia de Alejandra Murguía revela aspectos descoñecidos das vidas de Rosalía de Castro e Manuel Murguía

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) publicou Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e recupera a figura dunha muller que permaneceu durante décadas á sombra dos seus pais. A obra, editada por Dolores Vilavedra e prologada por Xesús Alonso Montero, inaugura a nova Biblioteca da Cátedra Rosalía de Castro.
O libro presentouse este venres, 16 de outubro, na biblioteca do Instituto da Lingua Galega, en Santiago de Compostela. As cartas permiten reconstruír a amizade entre Alejandra e Ángela Santamarina, ademais de ofrecer información relevante sobre a vida de Rosalía de Castro e Manuel Murguía.
Alejandra Martínez-Murguía de Castro naceu en Santiago de Compostela o 12 de maio de 1859 e foi a primoxénita de Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Desde moi nova mostrou aptitudes para o debuxo e a pintura e formouse na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, unha das poucas institucións galegas que ofrecían daquela formación artística ás mulleres.
Debuxante, pintora e ilustradora, realizou acuarelas, retratos e gravados, e tamén contribuíu á formación artística do seu irmán Ovidio Murguía. Colaborou en publicacións como La Ilustración Gallega y Asturiana, dirixida polo seu pai, para a que deseñou a cabeceira utilizada desde xullo de 1879. Ademais, traballou como ilustradora de monumentos, edificios e obxectos para os estudos históricos de Manuel Murguía.
A súa achega á cultura galega estendeuse tamén á tradición oral. Alejandra recolleu versos, refráns e composicións populares que compartiu con investigadores como Víctor Said Armesto, Casto Sampedro e Perfecto Feijoo. Tamén contribuíu á recuperación da Alborada de Rosalía, ao interpretar a melodía composta pola súa nai para que puidese ser transcrita. Así mesmo, está documentada a súa participación no deseño do estandarte encargado en 1891 polo Centro Galego da Habana, vinculado ao proceso histórico de construción dos símbolos do galeguismo.
Porén, a súa carreira artística quedou interrompida polas responsabilidades familiares. Tras a morte de Rosalía, en 1885, Alejandra asumiu o coidado do seu pai e dos seus irmáns, deixando en segundo plano as súas propias aspiracións. Chegou a rexeitar un posto como restauradora no Museo do Prado porque Manuel Murguía non quería que se trasladase a Madrid.
A súa vida persoal tamén estivo condicionada polas decisións paternas. Segundo recolle Ricardo Carvalho Calero, o avogado e intelectual Joaquín Arias Sanjurjo pretendeu casar con ela, pero Murguía rexeitou a petición porque consideraba que a súa filla debía permanecer solteira para coidar dos seus proxenitores. Alejandra morreu na Coruña o 22 de marzo de 1937, solteira e sen descendencia.
Novas claves sobre Rosalía e Manuel Murguía
Aínda que a correspondencia foi escrita décadas despois da morte de Rosalía, as cartas ofrecen información biográfica de interese. Dolores Vilavedra destaca as referencias de Alejandra aos cinco abortos que sufrira a súa nai, un dato que pode abrir novas vías de investigación sobre a vida da escritora e a súa obra. O epistolario tamén achega información sobre Rosalía como escritora profesional e sobre a xestión dos seus dereitos de autora por parte da familia.
As cartas permiten, ademais, coñecer unha dimensión máis persoal de Manuel Murguía. Xunto á admiración e ao afecto que lle profesaban as súas fillas, os escritos reflicten o carácter absorbente do pai e a precariedade económica que marcou os últimos anos da familia. Tamén ofrecen pistas sobre o destino da súa biblioteca tras o seu falecemento.
A destinataria das cartas, Ángela Santamarina Alduncín, coñecida como Angelita Varela, nacera en Tandil, na Arxentina, en 1863. Foi marquesa da Atalaya Bermeja e condesa do Valle de Oselle, ademais de filántropa e protectora de iniciativas culturais. En 1925 fundou a Fundación Santamarina de Temes, destinada inicialmente á atención e educación gratuíta de nenas orfas sen recursos.
As cartas de Alejandra consérvanse no arquivo persoal de Santamarina, integrado nos fondos da fundación. A publicación deste epistolario pon de manifesto o valor destes arquivos para profundar no coñecemento da historia e da cultura galegas e recuperar figuras como a de Alejandra Murguía, cuxa traxectoria artística e cultural quedou durante moito tempo eclipsada pola dos seus pais.