A Coruña reúne ás alcaldesas para debater sobre cultura, feminismo e cidade

O III Encontro de Alcaldesas celebrarase este mércores con representantes municipais, profesionais da cultura e expertas en memoria, igualdade e desenvolvemento urbano
II Encontro de alcaldesas
Imaxe da edición pasada
12 May 2026

A Coruña converterase este mércores, 13 de maio, nun punto de encontro para reflexionar sobre o papel da cultura na construción das cidades. O III Encontro de Alcaldesas reunirá representantes municipais de Galicia e doutros territorios do Estado, xunto con voces do ámbito cultural, académico e xornalístico, nunha xornada centrada no feminismo, a memoria e o desenvolvemento urbano.

Baixo o lema 'Cultura feminista, feminismo na cultura. As alcaldesas falan', a cita busca abrir un espazo de diálogo entre mulleres con responsabilidades nos gobernos locais e profesionais vinculadas á creación e ao pensamento. O obxectivo é analizar como as políticas culturais poden contribuír á cohesión social, á economía das cidades e á igualdade.

A programación comezará pola mañá no Palacio Municipal de María Pita cunha recepción institucional ás participantes e coa lectura da III Declaración de María Pita, documento que será asinado polas alcaldesas asistentes.

Pola tarde, o encontro trasladarase ao Club Cámara Noroeste, no Parrote. A apertura terá lugar ás 16.30 horas e dará paso ás mesas de debate. A primeira delas, ás 17.00 horas, levará por título 'Mulleres protagonistas na construción da cultura e da memoria' e contará coa participación da poeta e editora Dores Tembrás, a escritora e filósofa Marifé Santiago e as alcaldesas Susana Herrán Martín, de Castro Urdiales; Mireia González, de Santa Coloma de Gramenet; e Mariví Monteserín, de Avilés.

Ás 18.30 horas celebrarase o conversatorio 'Feminismo, cultura e economía', conducido por Mercedes Wullich, fundadora de MujeresyCia e da lista Top 100 Mujeres Líderes en España. Nel intervirán Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón; María José Blanco, alcaldesa de Portugalete; María Esther Gutiérrez, vicepresidenta de Cultura e Igualdade da Deputación de Cáceres; e Chelo Loureiro, produtora e directora de cine gañadora de catro premios Goya.

A xornada rematará ás 19.30 horas cun diálogo final entre alcaldesas e coa lectura das conclusións do encontro, nunha conversa entre Miriam Andrés, alcaldesa de Palencia, e Inés Rey, alcaldesa da Coruña.

0.31638813018799