A Deputación achega 356.131 euros á Casa do Mel para construír o novo centro apícola das Pontes

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o presidente da entidade, Manuel Ferreira, asinaron o convenio
firma-convenio-casa-do-mel-deputacion
4 Jul 2026

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación Casa do Mel, Manuel Ferreira, asinaron hoxe o convenio de colaboración para facer realidade o novo Centro Apícola e de produtos agroalimentarios en Goente, no concello das Pontes.

A Deputación achega ao un total de 356.131,98 euros, unha cifra que cobre o 80% do custo total da obra. O obxectivo prioritario deste investimento é dar soporte ao crecemento dunha entidade que se converteu nun referente do sector, pasando de algo máis de corenta socios fundadores a superar os catrocentos cincuenta membros na actualidade.

A actuación urbanística centrarase nunha nova parcela adquirida pola asociación a moi poucos metros da súa sede actual. O deseño arquitectónico contempla a recuperación e rehabilitación dunha antiga vivenda tradicional de pedra, mentres que nese mesmo espazo erguerase unha nova nave polivalente dotada de tecnoloxía de vangarda adaptada ao século XXI.

O verdadeiro motor deste complexo será a súa capacidade para dinamizar económica e socialmente o medio rural da comarca do Eume. O espazo funcionará como un centro integral para os produtores locais grazas á instalación dunha liña independente de extracción e envasado que operará baixo o selo de calidade Mel de Galicia, o que dotará ao sector de mellores ferramentas loxísticas e de economías de escala para reducir os custos unitarios.

O proxecto tamén inclúe un laboratorio específico de control para garantir a total rastrexabilidade do produto dende a colmea ata o consumidor, un centro de investigación e desenvolvemento alimentario en colaboración directa coa universidade, e unha tenda de proximidade enfocada á comercialización directa de mel e outros produtos agroalimentarios de quilómetro cero.

Con esta ampliación, a Casa do Mel reforzará notablemente a súa vertente educativa e turística. O edificio actual reconfigurará o seu uso para consolidarse como o museo central da asociación, mentres que as novas instalacións albergarán aulas-taller preparadas para impartir formación apícola regrada, salas de catas, espazos de degustación e áreas acondicionadas para acoller ao crecente volume de visitantes que recibe a entidade ao ano.

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, valorou moi positivamente a firma dun acordo que pon en valor "un dos nosos produtos máis recoñecidos, como é o mel galego". Formoso explicou que a Asociación Casa do Mel "necesitaba unha infraestrutura adaptada ao seu crecemento" e incidiu en que "toda a comarca se beneficiará de contar cun centro pioneiro en Galicia para todo o proceso de produción e elaboración, o que suporá un salto de calidade cualitativo para a IXP Mel de Galicia".

0.33775782585144