A Deputación da Coruña impulsa con 104.000 euros a actividade de asociacións veciñais e de mulleres rurais

As axudas chegarán a 26 entidades de municipios de menos de 50.000 habitantes para financiar propostas de convivencia, formación e dinamización comunitaria
DIPU CORU asoc veciños
15 Jun 2026

A Deputación da Coruña concedeu preto de 104.000 euros en axudas a 26 asociacións veciñais e entidades de mulleres rurais da provincia. A resolución definitiva foi publicada este luns no Boletín Oficial da Provincia e permitirá cofinanciar actividades de promoción económica e dinamización comunitaria ao longo de 2026.

As subvencións están dirixidas a entidades de concellos de menos de 50.000 habitantes, polo que quedan fóra as cidades da Coruña, Santiago e Ferrol. A liña de apoio inclúe proxectos moi variados, desde obradoiros de memoria, ximnasia, pilates ou envellecemento activo ata viaxes culturais, encontros veciñais, actividades formativas e propostas para preservar a memoria das parroquias.

A deputada de Medio Rural e Mar, Cristina Capelán, destacou que estas achegas permiten reforzar a vida social nos núcleos rurais e nos pequenos municipios, ao favorecer espazos de convivencia, aprendizaxe e lecer. Tamén incidiu na importancia de fortalecer o tecido asociativo como ferramenta para fixar poboación.

Entre as entidades beneficiarias figuran asociacións de Tordoia, Mazaricos, Coristanco, Culleredo, Frades, Carballo, Cabanas, Cerceda, Ordes ou Vilasantar, entre outros municipios. As contías concedidas van desde os 1.200 euros ata os 10.000 euros, en función do proxecto presentado.

A maior axuda corresponde á Asociación Veciñal de Cando Feira dos Carros, que recibirá 10.000 euros para actividades culturais e participativas destinadas a preservar a memoria viva da parroquia. Tamén destacan os 8.800 euros para a Asociación de Veciños San Xens de Entrecruces, os 7.920 euros para a Asociación Terceira Idade de Frades e os 7.600 euros para Mulleres Rurais A Xungueira das Encrobas.

Con esta convocatoria, a Deputación busca apoiar o papel das entidades locais como motor de participación social, especialmente no rural, onde moitas asociacións funcionan como punto de encontro e dinamización para a veciñanza.

0.33837604522705