A Deputación da Coruña recoñece 20 proxectos culturais polo seu impacto social con axudas de ata 6.750 euros

A Deputación da Coruña resolveu a segunda edición dos Premios a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social, unha convocatoria coa que apoiará economicamente 20 iniciativas da provincia que destacan polo seu impacto comunitario, a innovación e a promoción da inclusión social. En total, repartiranse 90.000 euros en axudas, con contías que oscilan entre os 2.250 e os 6.750 euros.
O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, valorou aspectos como a calidade técnica das propostas, a súa singularidade, a solvencia dos equipos e, especialmente, o beneficio social que poden xerar na cidadanía.
Os cinco proxectos con maior puntuación recibirán 6.750 euros cada un. Trátase de 'Memoria migrante en movemento', centrado na memoria do barrio coruñés da Agra do Orzán; 'CLIC', un programa de mediación sobre o fin prematuro da infancia; 'A Rede do Mar', dedicado á memoria mariñeira da Costa da Morte; 'Rupestre Sonoro' e 'VIVAS', un programa de residencias artísticas para persoas con discapacidade.
Entre as iniciativas premiadas figuran tamén proxectos relacionados coa recuperación do patrimonio inmaterial, a accesibilidade cultural, a memoria histórica, a educación, a diversidade LGTBI, a creación audiovisual, os videoxogos en galego e a integración social a través da cultura.
Segundo destacou a deputada de Cultura, o elevado número de propostas presentadas e a súa diversidade evidencian o potencial do tecido cultural da provincia. Nesta edición concorreron 53 proxectos, dos que finalmente foron seleccionados vinte.