A Deputación de Pontevedra activa 13 novos obradoiros para 250 persoas maiores

As actividades, centradas en ámbitos como a saúde, a informática, a cociña ou a restauración, desenvolveranse entre o 5 e o 10 de outubro
Deputacion de Pontevedra
3 Oct 2026

A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de Provincia Activa, unha iniciativa destinada a promover o envellecemento activo das persoas maiores mediante actividades que favorecen a participación, a aprendizaxe e a creación de espazos para compartir experiencias.

Entre o luns 5 e o sábado 10 de outubro comezarán 13 novos obradoiros en diferentes entidades sociais de seis concellos da provincia: Ponte Caldelas, Ponteareas, Silleda, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa. En total, as actividades reunirán 250 veciños e veciñas.

A programación arrancará o luns 5 de outubro con dous cursos. Na Asociación Casa Cultural de Bugarín, en Ponteareas, 24 persoas participarán nunha actividade sobre plantas medicinais, mentres que 25 integrantes da Asociación de Veciños Santa Cristina, en Vilaboa, iniciarán un obradoiro de restauración de mobles e tapicería.

O martes 6 será a quenda de sete novas actividades. Na Asociación de Veciños Chan da Brea, en Ponte Caldelas, 18 persoas comezarán o curso "Conservando a memoria". En Ponteareas, 19 usuarios da Asociación de Veciños San Gregorio de Guillade participarán nun obradoiro de ioga e 13 persoas da Casa Cultural, Artística e Deportiva de Areas farano nun de informática básica.

En Vigo, 21 participantes da Asociación Veciñal Doutor Fleming iniciarán unha actividade de ximnasia de mantemento para persoas maiores, mentres que 17 usuarios do Centro Recreativo e Cultural de Cabral asistirán ao curso de restauración de mobles e tapicería.

As actividades continuarán o mércores 7 de outubro. Nesa xornada, 17 persoas da Asociación Veciñal-Cultural Cortegada, en Silleda, comezarán un curso de pandeireta e canto popular. Pola súa banda, 15 integrantes da Asociación Cultural Xeada, en Vilagarcía de Arousa, participarán nun obradoiro de ioga.

O xoves 8 de outubro poñeranse en marcha outros dous cursos. A Asociación de Xubilados e Pensionistas Alfonso Daniel Castelao, en Vigo, contará con 20 participantes no obradoiro de informática básica, mentres que 25 persoas do Círculo Artístico Deportivo Gato Negro, en Vilagarcía de Arousa, iniciarán unha actividade de restauración de mobles e tapicería.

A programación desta semana rematará o sábado 10 de outubro con outros dous obradoiros. Na Asociación de Veciños de San Vicente e Canedo, en Ponteareas, 16 usuarios comezarán un curso de cociña saudable e nutritiva. Ao mesmo tempo, 20 integrantes da Asociación Veciñal Manduas, en Silleda, participarán nun novo obradoiro de restauración de mobles e tapicería.

A programación de Provincia Activa para este ano inclúe 25 tipos de obradoiros distribuídos en diferentes ámbitos temáticos: "Benestar natural", "Saúde en movemento", "Emociónate", "Outra vida", "Con ritmo!", "Redeir@s" e "Cerebro activo".

Para o desenvolvemento do programa durante 2026, a Deputación de Pontevedra conta cun orzamento de 210.000 euros. En total, está previsto que os obradoiros cheguen a 160 entidades de 44 concellos da provincia, ampliando así a oferta de actividades destinadas a fomentar un envellecemento activo e a participación das persoas maiores na vida social.

0.37298798561096