A Deputación de Pontevedra amplía a permanencia das exposicións “Utopías” e “Rosalía Ilustrada” en Vigo

A boa acollida do público leva a estender ata finais de xuño e comezos de xullo dúas mostras na sede viguesa da institución
ampliacion_expos_vigo
30 May 2026

A Deputación de Pontevedra decidiu prorrogar o tempo de exhibición das dúas exposicións que se poden visitar actualmente na súa sede de Vigo, situada no casco histórico da cidade, debido á excelente resposta do público asistente.

As mostras afectadas son “Utopías”, que continuará aberta ata o 26 de xuño, e “Rosalía Ilustrada”, que ampliará a súa presenza ata o 7 de xullo.

No caso de “Utopías”, inaugurada o pasado 15 de abril na sala Maruja Mallo, trátase dunha proposta artística de carácter multidisciplinar na que participan as creadoras Cristina Fernández, Eva López Tarrío e Rosa García. A exposición propón unha reflexión sobre as tensións entre conceptos opostos como o ideal e o posible, a perfección e o erro ou o control e a liberdade, ofrecendo un percorrido tanto emocional como conceptual que invita á participación activa do público.

Pola súa banda, “Rosalía Ilustrada”, aberta desde o 5 de maio na sala Rosalía, establece un diálogo entre a literatura e a creación visual a través de 35 obras orixinais realizadas por 34 artistas galegos e galegas inspiradas na figura e na obra de Rosalía de Castro. A mostra, promovida pola Fundación Rosalía de Castro, reúne nomes destacados da ilustración galega como Miguelanxo Prado, Luís Davila, Xaquín Marín, Bea Lema, Elga Lamas, Iria Ribadomar, Andrés Meixide ou Kiko da Silva, entre outros.

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, valorou de forma positiva a resposta cidadá ante ambos proxectos culturais e destacou que esta ampliación “permite achegar cultura de calidade á veciñanza e reforzar a sede de Vigo como un espazo aberto á cidade”.

As dúas exposicións poden visitarse de luns a venres, en horario continuo de 9.00 a 20.30 horas, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, situada na rúa Eduardo Chao.

0.32186698913574