A Deputación de Pontevedra instalará unha pantalla xigante en Vigo para seguir a semifinal do Mundial

A Praza da Estrela acollerá o martes 14 de xullo a retransmisión do partido entre España e Francia tras a solicitude das autorizacións correspondentes
publico-partido-mundial-vigo
11 Jul 2026

A Deputación de Pontevedra instalará este martes 14 de xullo unha pantalla xigante na Praza da Estrela de Vigo para que a cidadanía poida seguir en directo o partido de semifinais do Mundial de fútbol masculino entre as seleccións de España e Francia, que comezará ás 21:00 horas.

A vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, anunciou a iniciativa este sábado e celebrou a “inmensa alegría” pola vitoria da selección española ante Bélxica nos cuartos de final. Sánchez animou a continuar apoiando ao combinado español “con ilusión, con entusiasmo e contra calquera rival que se nos poña diante”.

A representante provincial en Vigo informou de que a Deputación iniciará de inmediato a tramitación das autorizacións necesarias para a instalación da pantalla. “Ao igual que fixemos para a eliminatoria de cuartos de final, entregaremos toda a documentación solicitada”, indicou, e emprazou ao Concello de Vigo a conceder os permisos baseándose en decisións exclusivamente técnicas.

Luisa Sánchez lembrou que os funcionarios provinciais e municipais mantiveron o pasado venres unha “comunicación fluída” para cumprir cos requisitos necesarios para a retransmisión do partido de cuartos de final na Praza da Estrela. Segundo sinalou, os servizos provinciais entregaron a tempo toda a documentación solicitada, aínda que posteriormente o goberno local ordenou desmontar a pantalla da Deputación.

“Nós imos seguir ofrecendo alternativas á cidade e volveremos facer o necesario para que esta iniciativa saia adiante. Farémolo, como xa fixemos, cumprindo todos os requisitos que se nos esixan”, afirmou a vicepresidenta.

Sánchez concluíu expresando o desexo de que “este martes a noticia sexa unicamente o fútbol, que os vigueses poidan gozar do partido e que España acade o billete para a final do Mundial”.

0.39105296134949