A Deputación pecha en Routes World contactos con seis compañías aéreas para impulsar novas conexións en Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luis Sánchez, pechou este venres a súa participación na feira aeronáutica Routes World, celebrada en Frankfurt (Alemaña), cun balance positivo dos contactos mantidos con seis compañías aéreas para explorar a implantación de novas conexións no aeroporto de Peinador.
A representante provincial en Vigo trasladou ás aeroliñas diferentes propostas de rutas nacionais e internacionais comercialmente viables, tal e como acreditan os casos de negocio analizados. Os datos dispoñibles sobre o fluxo potencial de viaxeiros sinalan que París, Londres, Milán ou Frankfurt son destinos potencialmente rendibles para que as compañías contactadas estes días pola Deputación de Pontevedra abran novas rutas en Peinador.
Segundo explicou Luisa Sánchez, as aeroliñas recibiron “con interese” a información presentada, que apunta á existencia de demanda para ampliar a conectividade aérea na provincia.
Durante as reunións, a vicepresidenta tamén puxo en valor a evolución turística das Rías Baixas, un destino que continúa mellorando as súas cifras ano tras ano e que, ao seu xuízo, reúne condicións para atraer novas conexións directas.
A responsable provincial defendeu a necesidade de manter unha estratexia compartida entre as administracións para favorecer a chegada de rutas e garantir a súa continuidade unha vez superada a fase inicial de implantación. Neste modelo, a Deputación de Pontevedra achegará 200.000 euros por cada nova conexión, mentres que a Xunta contribuirá con 100.000 euros e AENA ofrece bonificacións nas taxas aeroportuarias. “Nós defendemos unha estratexia coordinada, que xere demanda e permita consolidar as rutas a longo prazo”, asegurou.
A Deputación aposta por utilizar os incentivos públicos para facilitar a posta en marcha das conexións e permitir que, unha vez transcorrido o primeiro ano, poidan manterse a mercado. O obxectivo é evitar que as compañías dependan de maneira permanente das subvencións para operar determinados destinos.