A Deputación prepárase para expoñer 'A derradeira leición do mestre’ de Castelao no Museo de Ponteveddra

Estará acompañado dos documentos históricos que explican o contexto no que se creou
a-derradeira-leicion-do-mestre-castelao
22 Jun 2026

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, presentaron hoxe a montaxe da exposición Castelao. A derradeira leición do mestre, que se inaugurará este xoves ás 19:00 horas e que se poderá visitar ata o 27 de setembro no Edificio Castelao. O cadro exhibirase nunha sala cunha capacidade máxima para 25 persoas, procurando crear un espazo de recollemento e intimidade, no que estará acompañado dalgúns dos documentos históricos que explican o contexto no que se creou.

Rafa Domínguez cualificou a montaxe como “moi sobria pero moi coidada”. “Teño o convencemento de que de aquí a 5 ou 10 anos seguiremos recordando esta exposición, que vai ficar na memoria e na historia da cidade”. O vicepresidente engadiu que “é unha oportunidade única para falar da figura de Castelao, da figura de Alexandre Bóveda, da emigración e da memoria democrática. É importante falar e recordar a nosa historia, dunha maneira obxectiva, sen esquecementos e sen sectarismos”.

Domínguez afondou nesta idea indicando que “é un momento para falar de todo aquilo que nos une e non o que nos separa. Castelao é unha figura de todos, e todos temos a capacidade de gozalo desde as nosas ideoloxías. Esa é a idea que nós trouxemos, cunha visión profesional, que fala do valor artístico e do valor histórico da obra, coa dirección do Museo de Pontevedra e coa participación en diferentes actividades da Fundación Castelao, da Fundación Bóveda ou da UNED de Pontevedra” O vicepresidente concluíu que “nun momento de confrontación, que estamos vendo cousas que se asemellan moito ao que recolle este cadro, temos que apostar polo que nos une e non polo que nos separa”.

A derradeira leición do mestre preséntase nun espazo central da sala, como único elemento do muro principal, para chamar a atención sobre as súas considerables proporcións, 2 m de alto por 1,36 de ancho, e a súa forza dramática. Nas paredes laterais están os documentos que lle dan contexto. A directora do Museo, Ángeles Tilve, explicou detalladamente cales son esas pezas. Na primeira vitrina sitúase a primeira edición de ‘Sempre en Galiza’ e o manuscrito orixinal, que titulou ‘Co pensamento en Galicia’, a obra na que recolle o seu pensamento político. Esa primeira edición dedicoulla a Alexandre Bóveda e foi editada en 1944 polo Centro Orensano de Buenos Aires. Foi o mesmo Centro Orensano o que un ano despois lle encargou un gran lenzo destinado a converterse nun símbolo da memoria democrática galega.

Móstrase a continuación o debuxo orixinal de 1937 da estampa nº 6 de Galicia mártir, titulado ‘A derradeira lección do mestre’ e que oito anos despois reproduciría no famoso cadro. “É un caso único, xa que nas 31 estampas dos tres álbums de guerra de Castelao, é a única na que é posible recoñecer o personaxe protagonista”, salientou Ángeles Tilve. Sempre son figuras arquetípicas, pero nesta si lle deu a fisionomía de Alexandre Bóveda. A directora explicou que estas estampas foron moi difundidas internacionalmente, o que fixo que “fóra de Galicia non se identificara o personaxe e se interpretara como unha representación da represión sufrida polos mestres republicanos, pero Castelao ao identificar a Bóveda dálle unha segunda lectura, que eu penso que é a principal, que é a súa reivindicación como mártir do galeguismo”.

Unha fotografía tomada o 17 de agosto de 1945 mostra a celebración da Diada dos Mártires Galegos no Centro Orensano de Buenos Aires. “É moi significativa, porque aí únense a emigración e o exilio”, destaca Tilve. Na imaxe tamén aparece Castelao, xunto ao busto de Alexandre Bóveda que realizou Domingo Maza e co cadro A derradeira lección do mestre ao fondo.

Visitas guiadas

A exposición permanecerá aberta desde a súa inauguración o xoves 25 ás 19:00 horas ata o 27 de setembro. O Museo desenvolverá un programa de visitas guiadas durante eses tres meses. Arrancará o sábado 4 de xullo e incluirá visitas todos os mércores e xoves ás 18:00 horas e os sábados ás 12:00 horas. A participación nestes visitas guiadas require a inscrición previa a través da web do Museo, dispoñible a partir deste xoves.

Por outra banda, o vicepresidente anunciou que a asociación Cunchas e Flores de Bueu está a realizar unha alfombra de cunchas que se mostrará tamén a partir do xoves no Edificio Castelao, o mesmo día da inauguración da exposición. A alfombra, de 5 x 2,4 metros, reivindica o papel de Castelao na campaña a prol da aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936, coincidindo coa celebración este domingo 28 de xuño do 90 aniversario do plebiscito no que o “si” venceu unha amplísima maioría de máis do 99% dos votos e que non se chegou a aprobar no Congreso porque pouco despois se produciu o levantamento militar contra a República.

0.36414504051208