A escritora Loli Rodríguez gaña o II Premio Trevo de Narrativa en Galego coa novela Nailía

A escritora Loli Rodríguez Rodríguez, natural de Torbeo, no concello de Ribas de Sil, foi distinguida co II Premio Trevo de Narrativa en Galego 2026 pola súa novela Nailía, un novo recoñecemento que consolida a traxectoria desta obra no panorama literario galego.
O xurado reuniuse o pasado 19 de xullo en Santiago de Compostela para escoller a obra gañadora entre as cinco finalistas, mentres que o fallo foi dado a coñecer o día 21. Na súa valoración, destacou a riqueza da linguaxe empregada pola autora, a autenticidade da súa voz narrativa e a capacidade da novela para construír un universo literario profundamente enraizado e dotado de gran credibilidade.
Este galardón chega despois de que Nailía obtivese tamén o Premio Torrente Ballester de Narrativa en Galego 2024, reforzando o seu percorrido como unha das obras galegas máis recoñecidas dos últimos anos.
Desde o Concello de Ribas de Sil expresaron a súa satisfacción por este novo éxito literario dunha autora nacida en Torbeo, subliñando o orgullo que supón para o municipio que continúe levando o nome da súa terra a través da súa obra. A administración local trasladoulle ademais os seus parabéns polo premio e desexoulle novos éxitos na súa carreira literaria.