A Festa de Exaltación do Pan de Cea celebrará a súa 33ª edición cun amplo programa

San Cristovo de Cea xa ten todo preparado para celebrar os días 4 e 5 de xullo a XXXIII Festa de Exaltación do Pan de Cea, unha cita gastronómica e cultural declarada de Interese Turístico que volverá converter a localidade nun referente da tradición panadeira galega. Os doce fornos integrados no Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea prevén vender máis de 1.500 pezas de pan ao longo da fin de semana.
A programación foi presentada polo deputado provincial e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares; e o presidente da IXP Pan de Cea, Juan Luís Calviño, quen participou por primeira vez neste acto institucional desde que asumiu o cargo. Durante a presentación, destacou o labor artesanal que realizan diariamente os fornos da vila e reivindicou o valor dun produto que identificou co lema da última campaña promocional: “O pan que se escribe a man”.
A edición deste ano estará dedicada ao mar de Galicia baixo o lema “O pan do mar”, unha temática que tamén se reflicte no cartel oficial da festa, obra do pintor local Xosé González Freixedo “Mitra”. A pregoeira será a conselleira do Mar, Marta Villaverde, cuxa traxectoria profesional está estreitamente ligada ao sector primario galego.
As actividades arrancarán este domingo 28 de xuño coa décima edición da Andaina Solidaria, organizada nesta ocasión en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro de Ourense. A organización agarda reunir máis de 2.000 participantes nunha iniciativa que ofrecerá dous percorridos, un de 22 quilómetros e outro de 11, con saída desde a Praza Maior de Cea.
A programación continuará o sábado 4 de xullo coa XII Ruta dos Fornos, unha actividade xa consolidada que cada ano atrae a centos de visitantes. Os participantes percorrerán sete antigos fornos da vila mentres degustan petiscos elaborados con produtos galegos de calidade e Pan de Cea. A ruta estará acompañada por actuacións de música tradicional e por espectáculos de maxia de rúa. A xornada completarase con concertos de Logan, Queiman Folk Rock, D’Crooners Band e unha sesión musical a cargo de DJ K4IN.
O domingo 5 de xullo desenvolverase a xornada central da festa. Tras a recepción oficial das autoridades, inaugurarase a exposición fotográfica “Pan de Cea” e presentarase o libro “San Cristovo de Cea, onde o pan é Arte”. Posteriormente terá lugar o pregón a cargo da conselleira do Mar e a entrega dos recoñecementos a persoas e entidades vinculadas á promoción do Pan de Cea.
Un dos momentos máis destacados será o tradicional xantar popular, que reunirá produtos galegos con distintivos de calidade. O menú incluirá empanada de Ternera Gallega, polbo á feira, carne ao caldeiro acompañada de Pataca de Galicia e Castaña de Galicia, Pan de Cea, queixos con denominación de orixe e Mel de Galicia, ademais de viños e bebidas certificadas de Galicia. O xantar conta cunha capacidade máxima para 400 persoas.
A programación concluirá pola tarde con actuacións musicais, unha degustación gratuíta de produtos do mar de Galicia para as primeiras cen persoas asistentes e a actuación da orquestra Capitol.
Máis alá da celebración festiva, o Pan de Cea continúa sendo un importante motor económico para o municipio. Actualmente, os doce fornos amparados pola IXP prevén producir este ano arredor de 860.000 pezas, unha cifra que confirma o peso dun produto que foi o primeiro pan de Europa en obter unha Indicación Xeográfica Protexida e que segue sendo un dos grandes emblemas da gastronomía galega.