A Fiscalía reivindica para as persoas con discapacidade un modelo baseado na autonomía, a dignidade e a igualdade

O Parlamento de Galicia acolle hoxe e mañá a xornada “Os dereitos fundamentais das persoas con discapacidade: perspectivas persoal e patrimonial”, organizada pola Fundación Æquitas, o Parlamento de Galicia e o Colexio Notarial de Galicia. O encontro reúne representantes da xudicatura, do notariado, da Fiscalía e do movemento asociativo para analizar os avances normativos e os retos pendentes na protección dos dereitos das persoas con discapacidade.
A inauguración estivo presidida polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e contou coa participación da fiscala superior de Galicia, Carmen Eiró Bouza; do vicesecretario-tesoureiro do Consello Xeral do Notariado, Jorge Prades López; do maxistrado delegado de discapacidade do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Germán María Serrano Espinosa; e do decano do Ilustre Colexio Notarial de Galicia, José María Graíño Ordóñez.
Durante a súa intervención, a fiscala superior destacou que a protección das persoas con discapacidade constitúe «unha cuestión esencial de Estado», vinculada directamente «á dignidade, á igualdade real e efectiva e á capacidade de cada persoa para decidir sobre a súa propia vida».
Carmen Eiró repasou a evolución lexislativa experimentada nas últimas décadas e puxo de relevo o profundo cambio de paradigma impulsado pola Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e pola Lei 8/2021. Segundo explicou, o ordenamento xurídico español abandonou definitivamente un modelo baseado na substitución da vontade da persoa para avanzar cara a outro centrado nos apoios e no respecto á súa autonomía.
«Pasamos dunha visión paternalista a unha visión baseada nos dereitos. Pasamos de protexer substituíndo a protexer acompañando», afirmou a fiscala superior, quen incidiu en que «o esencial xa non é decidir pola persoa, senón facilitar que ela mesma poida decidir, de acordo coa súa vontade, cos seus desexos e coas súas preferencias».
En representación do Ministerio Fiscal participan no encontro a fiscal de Sala coordinadora de Persoas con Discapacidade e Maiores, María José Segarra Crespo, e o fiscal delegado de Protección de Persoas Maiores e con Discapacidade en Galicia, Santiago Miguel Cruces, que analizarán os instrumentos de apoio e protección previstos no ordenamento xurídico para as persoas en situación de vulnerabilidade.
Ao longo das dúas xornadas abordaranse as experiencias das propias persoas con discapacidade tras a entrada en vigor da Lei 8/2021, os retos actuais da garda de feito, a promoción da autonomía persoal e a protección patrimonial, así como as medidas de apoio voluntarias e xudiciais destinadas a garantir o exercicio da capacidade xurídica en condicións de igualdade.
A fiscala superior salientou tamén os avances normativos máis recentes en materia de accesibilidade, inclusión e vida independente, e subliñou que a evolución lexislativa vivida nos últimos anos «é o reflexo dunha transformación máis profunda: a da nosa maneira de entender a persoa, a súa dignidade e o seu lugar na sociedade».
Así mesmo, agradeceu o labor desenvolvido pola Fundación Æquitas e polo Colexio Notarial de Galicia na promoción e defensa dos dereitos das persoas con discapacidade. Neste sentido, destacou que a función das institucións xurídicas vai máis alá da aplicación técnica das normas e debe orientarse á protección efectiva das persoas máis vulnerables.
Eiró tamén puxo en valor o significado institucional da celebración destas xornadas na sede da Cámara galega. «Que o Parlamento de Galicia abra as súas portas para falar de discapacidade é un gran xesto, unha declaración de intencións. É dicirlle á cidadanía que esta Cámara escoita, ve e lexisla pensando en todos e todas, sen excepción», manifestou.
A fiscala superior concluíu lembrando que «a verdadeira medida dun sistema xurídico non está só na súa complexidade técnica, senón na súa capacidade para garantir que cada persoa poida vivir con dignidade, liberdade e seguridade».
O papel da Fiscalía na protección das persoas con discapacidade e das persoas maiores
A actuación do Ministerio Fiscal neste ámbito ten como finalidade garantir os dereitos, a dignidade e a autonomía das persoas con discapacidade e das persoas maiores en situación de vulnerabilidade. A Fiscalía vela porque as medidas de apoio que poidan necesitar estas persoas respecten sempre a súa vontade, os seus desexos e as súas preferencias, supervisando ademais a actuación das persoas ou institucións que lles prestan apoio.
Tamén promove as actuacións xudiciais necesarias cando existen situacións de risco, abuso, desprotección ou vulneración de dereitos, e intervén nos procedementos relacionados co establecemento, revisión e control das medidas de apoio previstas na lexislación vixente.
No caso das persoas maiores, a Fiscalía desempeña igualmente unha función esencial na súa protección fronte ao abandono, os malos tratos, os abusos económicos ou calquera outra situación que poida comprometer a súa seguridade, o seu patrimonio ou a súa dignidade persoal. A súa actuación procura garantir que todas as persoas, con independencia da súa idade ou das súas circunstancias, poidan exercer os seus dereitos en condicións de igualdade e coas máximas garantías.