A Illa de San Simón acolle desde este venres unha nova edición de Sinsal

Os concertos inaugurais serán de Mateo Mena e Carme López no Planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico e na cámara semianecoica da UVigo, respectivamente
presentacion-festival-sinsal
23 Jul 2026

Mañá venres 24 de xullo arranca oficialmente unha nova edición do Festival Sinsal SON Estrella Galicia. A cita máis singular do verán cultural galego, celebrada desde hai 15 anos na illa de San Simón e coroada por un cartel secreto, inicia a súa travesía musical cunha programación que volve apostar pola creación contemporánea, a diversidade de sonoridades e a posta en valor do patrimonio natural e histórico da ría de Vigo.

O festival arrancará en terra firme durante a mañá deste venres 24 con dous concertos inaugurais en localizacións moi especiais de Vigo e para os que xa non quedan entradas dispoñibles: o músico Mateo Mena ofrecerá unha actuación no Planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico -o primeiro de España e segundo de Europa-, mentres que Carme López, renovadora da música tradicional, levará a súa proposta sonora á cámara semianecoica da Universidade de Vigo.

Após o inicio en Vigo, o festival porá rumbo cara á illa de San Simón contra primeira hora da tarde. Durante o venres 24, sábado 25 e domingo 26, o público embarcará desde os peiraos da Estación Marítima viguesa e de Meirande (Redondela) -os dous únicos puntos de acceso habilitados- para vivir unha experiencia musical “a cegas”, pois o cartel do festival segue a ser secreto e non se desvela ata o desembarco.

Estreas musicais e proxectos premiados

A programación musical de San Simón estará formada por case unha vintena de bandas, solistas e selectores procedentes de Galicia, Alemaña, Colombia, Inglaterra, Malí, Portugal ou Xapón, entre outros territorios. Haberá numerosas estreas en territorio estatal -con artistas de Asia, África e América que actúan por vez primeira en España-, mais o público do país poderá escoitar por vez primeira en Galicia algúns dos proxectos máis premiados nos últimos meses pola industria musical independente. Unha vez máis, Sinsal será a primeira escala para grupos que, nos vindeiros meses, serán reclamo de calidade nos carteis doutros festivais.

A estancia en San Simón -cunha capacidade limitada a 800 persoas por día- está deseñada para descubrir e vivir a música a escala humana e sen présas. Alén dos concertos en horario diúrno e en pequeno formato repartidos polos catro escenarios da illa, o festival desprega unha programación paralela que inclúe paseos divulgativos para dar a coñecer o patrimonio natural e histórico de San Simón, ademais de obradoiros, presentacións e unha coidada oferta gastronómica de proximidade.

A cita mantén ademais o seu compromiso coa contorna a través da iniciativa #sinsalsenrastro, un modelo de xestión de residuos posto en marcha no ano 2024 e que aposta polo Punto R como centro de reciclaxe e información ambiental, o fomento do Kit Festivaleiro entre o público, a reutilización de vasos, a eliminación das papeleiras na illa e o uso de cinceiros portátiles coa intención de reducir a pegada humana nun espazo declarado BIC.

Cos abonos e as entradas para a xornada do sábado 25 xa esgotados, aínda quedan os últimos pases dispoñibles para o venres 24 e do domingo 26 a través da páxina web oficial www.sinsal.gal, na que cada día, cando o público chegue á illa, se publicará quen se agocha detrás do cartel de cada xornada.

Segunda fin de semana en Vigo e no Camiño Portugués

Os concertos inaugurais de Vigo e os da illa de San Simón abren a edición 2026 do Sinsal, unha “travesía” que continuará a vindeira semana (do 31 de xullo ao 2 de agosto) estendendo a súa programación musical polo Camiño Portugués ao seu paso por Vigo, Oia e Braga (Portugal).

Artistas como Alondra Bentley, Maria Rodés ou Las Nietas del Charli actuarán en algúns dos espazos máis emblemáticos desta travesía, como son o Porto de Vigo (nos peiraos de Bouzas e Areal, no que Rodés actuará entre bloques xigantes de granito chegados de todo o mundo) ou no Real Mosteiro de Oia. Ademais, durante o percorrido Braga: pasos e espazos do Festival Semibreve, o público asistente poderá descubrir a música dos artistas locais Tomás Alvarenga ou Alcrud3.

Ademais, o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, acollerá unha xornada musical na tarde e noite do sábado 1 moi próxima ao concepto do propio festival: o dun cartel secreto conformado por bandas e solistas de catro países -con tres estreas a nivel estatal e unha galega- que se celebra nun recinto que, á vez, mestura vangarda e tradición.

No caso desta segunda fin de semana, o público tamén pode adquirir tanto as entradas individuais para os concertos de Braga, Vigo e Oia como un abono especial, a prezo reducido, para todos os directos que terán lugar na cidade viguesa os días 31 de xullo e 1 de agosto.

Sinsal SON Estrella Galicia é unha iniciativa da promotora viguesa Sinsalaudio para visibilizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena musical galega, estatal e internacional. En cada edición -o ano que vén celebrarase o 25º aniversario- é habitual poder coñecer propostas de estilos moi diversos e de agrupacións de países de África, América, Asia, Europa ou Oceanía. A programación musical acompáñase de actividades paralelas divulgativas e de concienciación ambiental.

En 2026, o festival conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio institucional tanto da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da iniciativa Concertos do Xacobeo como da Deputación de Pontevedra e de Turismo Rías Baixas no marco de #RíasBaixasFest.

0.26801013946533