A memoria viva de Mauro Leivas toma forma nunha asociación

A entidade, creada poucos meses despois do falecemento do artista mindoniense, busca preservar a súa obra e activar novas iniciativas culturais
Directiva-Asociación-Mauro-Leivas-Mondonedo-2
28 Jun 2026

Por Ana Somoza.

Poucos meses despois do falecemento de Mauro Leivas, un grupo de amizades e persoas próximas ao artista decidiu que a súa obra, o seu pensamento e a súa maneira de vivir a cultura non podían quedar dispersos entre lembranzas privadas ou proxectos inacabados. Daquela reflexión naceu a Asociación Mauro Leivas, unha entidade creada en Mondoñedo coa intención de conservar, estudar e divulgar o legado dun creador que deixou unha profunda pegada tanto no ámbito artístico como humano.

Detrás da iniciativa atópanse Pepa Carballeira, tesoureira; Pedro Leivas, vogal; Mariam Ferreira, vicepresidenta; e Chus Ruiz, secretario. Todos eles compartiron con Mauro anos de amizade, colaboración e inquietudes culturais, algo que marcou profundamente o espírito co que se puxo en marcha o proxecto. Explican que a creación da asociación foi case unha necesidade inevitable diante da dimensión do material e das ideas que deixou o artista. “Vimos que a necesidade de atender todo o legado da obra non era unha cuestión que se puidera facer sen ter algunha estrutura que permitise a colaboración e certo grao de investimento”, sinalan.

MEMORIA.

A entidade nace non só para custodiar unha obra artística, senón tamén para preservar unha determinada forma de entender o mundo. Os integrantes da asociación falan constantemente de coherencia, compromiso e mirada colectiva cando se refiren a Mauro Leivas. “Detrás da súa obra hai unha forma de entender e mirar o mundo que compartimos”, explican. Para eles, continuar o traballo arredor da súa figura converteuse nun deber emocional e cultural. “Todas as persoas que estivemos argallando na creación da asociación fomos amigos de Mauro, construír isto é o menos que podemos facer”.

Ese compoñente afectivo está moi presente no día a día da asociación. Organizar a obra de Mauro implica tamén revivir procesos, revisar materiais e reencontrarse constantemente coa súa ausencia. “Emocionalmente non é fácil”, recoñecen. O traballo apenas acaba de comezar e saben que será longo. Hai pinturas, documentación, proxectos, apuntamentos e materiais de moi distinta natureza que precisan ser clasificados e estudados con calma.

OBRA. A enorme versatilidade artística de Mauro Leivas é precisamente un dos maiores retos aos que se enfronta agora a asociación. O artista moveuse con naturalidade entre distintas técnicas, soportes e linguaxes creativas, algo que fai máis complexa a tarefa de organizar o seu legado. Por iso, os responsables da entidade consideran prematuro establecer unha programación pechada de actividades ou exposicións. “Primeiro temos que ordenar o seu traballo”, explican. “Cando teñamos ese traballo feito, que vai levar tempo, poderemos pensar na forma de trasladar o que obteñamos en accións para que as poña en marcha a asociación”.

A pesar desa prudencia inicial, xa existen algúns proxectos concretos en marcha. A asociación pretende traer á Mariña este mesmo ano a exposición “Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras”, presentada anteriormente no Museo Provincial de Lugo. Será unha das primeiras oportunidades para volver achegar ao público unha parte da derradeira produción artística de Mauro.

Os integrantes da asociación consideran que a súa obra non recibiu o recoñecemento que merecía. “En xeral a súa obra non tivo o recoñecemento que pensamos merece”, afirman. Entre os aspectos menos coñecidos destacan “a súa capacidade de aprendizaxe de novas técnicas, o uso de distintos materiais e as múltiples lecturas que se poden atopar en moita da súa obra froito dun proceso minucioso de documentación”.

INCLUSIÓN. A filosofía coa que Mauro Leivas entendía a arte é outro dos piares fundamentais da asociación. A entidade pretende manter vivo ese pensamento baseado na inclusión, na accesibilidade e no valor colectivo da cultura. “Tentaremos que todo o que fagamos sexa inclusivo e coherente co pensamento de Mauro Leivas”, explican.
Ese compromiso tradúcese en cuestións prácticas e tamén simbólicas. O uso dunha linguaxe inclusiva, a participación aberta ou a transparencia son algunhas das ideas que a asociación considera fundamentais no seu funcionamento diario. Pero tamén hai unha vontade clara de afastarse dunha visión elitista da arte.

“O comentario de Mauro ía sobre todo polos que seguen a pensar que hai arte e artesanía, que o prezo é o mesmo que o valor ou que a posesión privada é máis importante que a pública”, sinalan. Os responsables da entidade consideran que esa reflexión segue plenamente vixente na actualidade. “A cultura e a arte teñen unha función social, forman parte da capacidade de cohesión social e dunha mellor comprensión do mundo”.

TERRITORIO. A defensa do territorio, o ecoloxismo e a identidade cultural galega tamén forman parte da esencia da asociación. Aínda que admiten que moitas das iniciativas futuras están aínda en proceso de definición, xa existen pequenos xestos que marcan unha dirección clara.

Un deles é a aposta decidida polo uso do galego como lingua de comunicación habitual da entidade. Outro é o detalle simbólico que reciben as persoas socias: a imaxe dun abellón acompañada dunha explicación divulgativa na páxina web da asociación baixo o lema “zumba o abellón”.

“Pouco a pouco iremos activando iniciativas”, explican. A intención é construír un proxecto conectado co territorio, coa comunidade e coa maneira na que Mauro entendía a relación entre cultura e sociedade. Por iso tamén insisten na importancia da colaboración con outras entidades culturais e sociais. “Nas liñas básicas do pensamento de Mauro Leivas están as ideas de colaboración e coherencia”.

CULTURA.

A asociación tamén quere converterse nun axente activo dentro da vida cultural galega, especialmente no ámbito das artes plásticas. Os seus responsables consideran que a arte contemporánea segue moi ligada aos circuítos institucionais e demasiado afastada do público xeral.

“Pensamos que habería que buscar algunha forma de que a arte contemporánea tivese máis presenza fóra dos círculos habituais”, afirman. O obxectivo non é alcanzar unha posición determinada dentro do panorama cultural galego, senón contribuír a ampliar os espazos de encontro entre a arte e a sociedade.

Nesa idea cobra especial importancia o contacto das novas xeracións coa obra de Mauro Leivas. “Interésanos moito que a súa obra sexa vista polos nenos e nenas”. Consideran que a experiencia artística non require formación previa nin coñecementos especializados. “A arte faise tamén cos ollos do que mira”.

FUTURO.

En Mondoñedo, o nacemento da asociación é visto polos seus impulsores como unha oportunidade para seguir dinamizando a vida cultural da cidade. “Esperemos que sexamos capaces de axudar a activar a cultura en Mondoñedo”, sinalan.

Mentres avanzan no complexo proceso de recompilar e catalogar o legado de Mauro Leivas, os responsables da entidade teñen claro cal é a principal invitación que queren lanzar á sociedade. Piden curiosidade. Piden tempo para mirar. Piden achegarse á arte sen medo nin prexuízos.

“Simplemente que estean atentos, porque este verán van ter a oportunidade de ver a súa derradeira produción na Mariña”, explican. E lembran unha idea que consideran esencial para comprender tanto a obra como a filosofía de Mauro Leivas: “A arte hai que achegarse para vela; no acto de ver é cando se pode producir o coñecemento e a emoción”.

 

0.31084513664246