A música en lingua de signos reúne preto de 400 persoas nos premios ‘Cantamos coas Mans’

O certame escolar da FAXPG pechou a súa novena edición na Cidade da Cultura co IES A Sardiñeira e o CPI Terras de Maside como grandes gañadores
SANTIAGO evento persoas sordas
9 May 2026

A música, a lingua de signos e a inclusión foron protagonistas este venres na gala de clausura da novena edición de ‘Cantamos coas Mans’, o certame escolar organizado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).

Preto de 400 persoas asistiron ao acto celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, no que participaron centros educativos de toda a comunidade. O concurso busca achegar a lingua de signos ao alumnado de distintas etapas e promover a inclusión da rapazada xorda no ámbito educativo.

Nesta edición participaron 15 centros galegos, que presentaron vídeos nos que alumnado e profesorado interpretaron cancións en Lingua de Signos Española. O premio do xurado profesional foi para o IES A Sardiñeira, da Coruña, mentres que o premio do público recaeu no CPI Terras de Maside, de Ourense.

A gala incluíu actuacións dos centros premiados, nalgúns casos acompañados polos propios autores das cancións. O alumnado de Maside interpretou un tema do grupo ourensán A Voz das Mouras, que participou en directo no evento.

Tamén recibiron mencións de honra o CEIP de Vilaverde-Mourente, o CRA de Ribadumia, o CEIP Sagrada Familia da Coruña e o CEIP de Ardán, en recoñecemento á calidade das súas propostas.

O acto foi conducido por persoas xordas e concibiuse como unha gala plenamente accesible, tanto en lingua de signos como en lingua oral. A FAXPG destacou que o certame permite unir educación, cultura e accesibilidade nun proxecto que medra ano tras ano.

0.30107808113098