A Ofrenda ao Apóstolo pon o foco nos incendios, a unidade política e a defensa da dignidade das persoas

Os incendios forestais que nas últimas semanas afectaron distintos puntos de España marcaron este sábado a tradicional Ofrenda ao Apóstolo Santiago, celebrada na Catedral de Santiago con motivo do Día de Galicia. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, que exerceu como delegado rexio en representación do rei Felipe VI, e o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, tiveron un recordo especial para as vítimas dos lumes nas súas intervencións.
Na súa invocación ao Apóstolo, Santalices pediu que acompañe "na súa dor e lles dea forza" ás persoas afectadas polo incendio de Almería e ás familias que nestes momentos sofren as consecuencias dos lumes activos en Madrid e Ávila. Ademais, reclamou a protección dos montes galegos fronte ao risco dos incendios forestais.
Pola súa banda, o arcebispo Francisco José Prieto lembrou tamén ás vítimas dos "terribles" incendios de Almería e aos damnificados polo "drama e lacra" dos lumes forestais en Madrid e Ávila, ao tempo que apelou á necesidade de preservar a natureza. "Coidar o don da natureza que Deus nos deu é tamén coidar da persoa", afirmou. Na súa oración tivo igualmente presentes ás vítimas dos terremotos de Venezuela e doutras guerras que, segundo sinalou, "non se deben esquecer".
Chamamento á unidade e ao consenso
Durante o seu discurso como delegado rexio, Santalices agradeceu ao rei Felipe VI a confianza depositada nel para representalo na cerimonia e expresou o seu desexo de que o monarca asista á Ofrenda do vindeiro ano, coincidindo coa celebración do Xacobeo 2027. Tamén manifestou a vontade de que o papa León XIV poida participar neses actos.
O presidente do Parlamento aproveitou a súa intervención para facer un chamamento á unidade entre as forzas políticas galegas e instou aos responsables públicos a tender pontes "máis alá das divisións identitarias, da ideoloxía, da nacionalidade, da lingua ou da raza".
Neste contexto, defendeu a necesidade de acadar un gran acordo arredor da lingua galega, asegurando que o Pacto pola Lingua impulsado pola Xunta representa "a mellor oportunidade" para converter Galicia nun exemplo de concordia e compromiso co idioma propio.
Santalices tamén advertiu sobre os riscos que, ao seu xuízo, representan os "totalitarismos tecnolóxicos", reclamando marcos legais europeos que protexan os dereitos fundamentais fronte ás grandes plataformas tecnolóxicas. Ademais, pediu reforzar a independencia das institucións para combater a corrupción e defendeu un sistema de financiamento autonómico "equilibrado e non discriminatorio", baseado nas necesidades reais da cidadanía.
Defensa da dignidade humana e da convivencia
Na homilía da solemnidade do Apóstolo Santiago, Francisco José Prieto centrou boa parte da súa mensaxe na defensa da dignidade de todas as persoas, reivindicando expresamente a de "quen chega de lonxe buscando un futuro" e tamén a de quen "pensa de maneira diferente".
O arcebispo advertiu de que a sociedade non pode reducir ás persoas a números nin consideralas un problema ou unha carga, lembrando que "o outro é sempre un irmán". Neste sentido, fixo un chamamento a construír unha sociedade "na que ninguén sexa descartado" e na que as diferenzas non convertan aos cidadáns en inimigos.
Prieto reflexionou tamén sobre a crecente polarización social, advertindo de que cando o adversario pasa a ser considerado un inimigo e desaparece o diálogo, deteriorase a convivencia. Por iso, defendeu a "cultura do encontro", baseada no recoñecemento da dignidade de cada persoa por riba das diferenzas.
Finalmente, reivindicou a liberdade de conciencia e de relixión como bens que deben ser protexidos nunha sociedade plural. "A Igrexa non busca impoñer; quere propoñer, dialogar, servir e dar testemuño", concluíu.