A oposición únese para pedir un pleno extraordinario en Vigo sobre o caso do falecido no Saltamontes

Pídese a comparecencia do alcalde, reclamarase o cesamento da concelleira de Seguridade e a creación dunha comisión de investigación
concello-Vigo
22 May 2026

O portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou este xoves que a fronte nacionalista vén de fechar un acordo co resto da oposición para promover un Pleno extraordinario sobre o caso da atracción Saltamontes, tras a imputación xudicial da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, pola súa presunta responsabilidade no accidente mortal rexistrado nas festas de Matamá de 2024. A solicitude será formalizada nas próximas horas polos grupos municipais do BNG e do PP.

“Abel Caballero terá que someterse ao control e preguntas da oposición no Pleno extraordinario polo caso Saltamontes”, afirmou Igrexas, que criticou o “silencio permanente e insultante” mantido polo Goberno municipal desde que se produciu o accidente no que perdeu a vida o veciño Iván Castaño.

O portavoz nacionalista denunciou que, desde que o pasado 7 de maio se coñeceu a imputación da concelleira de Seguridade por undelito de homicidio imprudente, o alcalde limitouse a “ratificar a súa confianza nela e mantela no cargo”, malia a petición de cesamento inmediato formulada polo BNG.

Igrexas cualificou de “demoledor” o auto xudicial no que o xuíz instrutor apunta á responsabilidade da dirección política da área de Seguridade pola “xestión neglixente” dunha atracción que carecía de autorización municipal para funcionar pero para a que non se ordenou o seu precinto. Neste sentido, criticou que a única resposta oficial do Goberno local fose “un audio con declaracións enlatadas” do portavoz municipal, Carlos López Font, expresando respaldo á actuación da concelleira.

O portavoz do BNG explicou que o primeiro punto da orde do día do Pleno extraordinario, acordada polos grupos da oposición, será precisamente a comparecencia do alcalde, Abel Caballero, para informar das actuacións municipais realizadas tras o accidente e despois das resolucións xudiciais coñecidas.

“Do que se trata é de que o Alcalde dea a cara e se someta ao control do máximo órgano de representación democrática da cidade, que é o Pleno”, defendeu Igrexas, asegurando que “as viguesas e vigueses merecen explicacións”. Con ese obxectivo, os grupos da oposición solicitan que a comparecencia do rexedor inclúa, ademais da explicación inicial do Alcalde un debate con dúas quendas de intervención e réplica para todos os grupos.

A sesión extraordinaria incluirá tamén o debate e votación de tres acordos. En primeiro lugar, reclamarase o cesamento inmediato da concelleira Patricia Rodríguez Calviño. En segundo termo, proporase a constitución dunha Comisión Especial de Investigación para esclarecer os fallos nos procedementos municipais, depurar responsabilidades e definir medidas que impidan que feitos semellantes poidan repetirse. Finalmente, proponse que a Corporación Municipal exprese oficialmente o seu pesar e traslade as condolencias á familia de Iván Castaño.

Segundo avanzou Igrexas, a solicitude formal do Pleno extraordinario será rexistrada nas vindeiras horas polos grupos municipais do BNG e do PP, cuxa sinatura conxunta é imprescindíbel para activar esta convocatoria ao abeiro do regulamento orgánico municipal.

O portavoz nacionalista advertiu de que este paso busca evitar que a Alcaldía “poida intentar minimizar ou ocultar esta sesión colocándoa a continuación do Pleno ordinario do luns”. “Este non é un asunto máis e merece dun debate á altura da importancia e gravidade que ten”, concluíu.

0.32214617729187