A promotora da mina de Touro-O Pino defende o proxecto e acusa á plataforma veciñal de “culpar do presente ao que non existe”

A empresa promotora do proxecto mineiro de Touro-O Pino respondeu ás declaracións realizadas este mércores pola voceira da Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, Che Cancelo, e defendeu que non se pode atribuír ao proxecto actual unha responsabilidade sobre os problemas ambientais existentes na zona, ao lembrar que a explotación mineira permanece pechada desde o ano 1986.
Nun comunicado, a compañía sostén que as críticas da plataforma parten "dunha realidade herdada da antiga actividade extractiva" e considera que empregar esa situación para rexeitar a iniciativa actualmente en tramitación supón ignorar que un novo proxecto sometido a avaliación ambiental implica, ao seu xuízo, investimentos, medidas correctoras, control administrativo e seguimento público.
A empresa cuestiona tamén as conclusións do informe encargado polo Concello de Touro sobre o estado das augas da contorna da antiga mina. Segundo indica, resulta “temerario” extraer conclusións xerais a partir dunha única mostra tomada nun só día e considera que a comparación realizada carece de solidez metodolóxica ao confrontar datos puntuais con medias obtidas ao longo de varios anos.
Fronte a ese estudo, a promotora asegura que a documentación ambiental do proxecto se apoia en oito campañas de mostraxe desenvolvidas entre 2017 e 2025, cun total de 1.534 mostras recollidas en 54 puntos de control. Ademais, sinala que as análises foron realizadas polo Servizo de Axuda á Investigación da Universidade de Santiago de Compostela e interpretadas polo grupo de investigación GEAMA.
Outro dos aspectos que destaca a empresa é o funcionamento da planta de tratamento de augas. Segundo explica, a auga bombeada non se devolve ao río, senón que permanece nun circuíto pechado debido á inexistencia de autorización de vertedura, polo que entende que determinadas concentracións detectadas nas análises poden verse condicionadas pola redución do caudal.
No comunicado tamén se critica o que considera "unha desvalorización do traballo desenvolvido durante anos por equipos técnicos e universitarios vinculados aos estudos ambientais do proxecto". A compañía lamenta que se prioricen “titulares alarmistas” fronte aos resultados de investigacións máis amplas e prolongadas no tempo.
Así mesmo, cuestiona a utilización de recursos públicos para elaborar informes que, ao seu entender, "se basean en datos insuficientes" e reclama que o control ambiental se sustente en avaliacións con "series temporais amplas, criterios estatísticos e indicadores biolóxicos, conforme á normativa vixente en materia de augas".
En relación coa escaseza de auga que afecta á comarca, a promotora recoñece a "gravidade" da situación, pero rexeita que se responsabilice dela a un proxecto que aínda non está en funcionamento. A empresa considera necesario buscar solucións aos problemas ambientais herdados da antiga explotación e sostén que un novo proxecto mineiro "podería contribuír tanto á recuperación ambiental como á creación de emprego e á chegada de investimento á zona".
A compañía conclúe defendendo que xa realizou actuacións e investimentos para mellorar aspectos ambientais vinculados ao proxecto e asegura que existe vontade de seguir avanzando nesa dirección, ao tempo que pregunta cal sería a alternativa para resolver os problemas históricos existentes na contorna mineira.