A prórroga dos contratos de alugueiro permitirá aforrar unha media de 4.341 euros por fogar

A Deputación Permanente do Congreso vota este xoves o Real Decreto-lei que inclúe novas medidas en materia de vivenda, entre elas a prórroga obrigatoria dos contratos de alugueiro que vencen antes de 2029 ata o 31 de decembro de 2028. A medida, que xa está en vigor e que deberá ser convalidada este xoves, afectará a un total de 1.895.676 contratos en todo o Estado.
Segundo as estimacións realizadas, a prórroga beneficiará case cinco millóns de persoas. O cálculo parte dos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), que sitúa en 2,59 o número medio de persoas por fogar que reside nunha vivenda de alugueiro a prezo de mercado.
A continuidade dos contratos nas mesmas condicións pretende ofrecer estabilidade e seguridade ás persoas inquilinas, ademais de evitarlles o incremento dos prezos que podería supoñer a sinatura dun novo contrato. Neste sentido, o aforro mediano estimado no conxunto da prórroga ascende a 4.341 euros por fogar.
En Galicia, o aforro mediano por fogar durante o período de prórroga presenta diferenzas entre as catro provincias. Segundo as estimacións facilitadas, a contía vai desde os 1.760 euros na Coruña ata os 3.455 euros en Lugo.
Na provincia da Coruña, o aforro mediano por fogar sitúase en 1.760 euros, mentres que en Pontevedra alcanza os 2.566 euros. En Lugo, a estimación tamén se sitúa en 2.566 euros, e en Ourense ascende a 3.292 euros.
Como se calculan as estimacións
Os datos sobre o número de contratos e o aforro previsto proceden dunha microsimulación elaborada a partir do Panel de Fogares do IRPF, do Instituto de Estudos Fiscais e da Axencia Tributaria. Esta fonte recolle unha mostra dos alugueiros declarados por arrendadores persoas físicas no territorio fiscal común, con información dispoñible ata 2023.
Para calcular o aforro, compárase a renda dos contratos asinados entre 2026 e 2028, durante os dous anos de prórroga e coas actualizacións e os límites legais correspondentes, co importe que podería alcanzar un novo contrato. Neste último caso, a estimación toma como referencia a evolución dos prezos da oferta publicados por Idealista en cada provincia.
Nas zonas declaradas tensionadas non se contempla un incremento da renda, xa que o prezo dun novo contrato non pode superar o do anterior. O cálculo parte, ademais, da hipótese de que todas as persoas inquilinas solicitan a prórroga dos seus contratos.
A estimación do número de persoas beneficiadas, arredor de 4,9 millóns, realízase aplicando o tamaño medio dos fogares que viven de alugueiro a prezo de mercado en cada comunidade autónoma, segundo a Enquisa de Condicións de Vida de 2025 do INE.