A Romaría da Virxe dos Remedios da Ermida xa é Ben de Interese Cultural

A Xunta recoñece o valor etnolóxico dunha celebración de orixe centenaria na que destacan figuras como o Meco e as Pampórnigas e que se mantén cada ano os días 8 e 9 de setembro
Romaxe-da-Nosa-Señora-dos-Remedios-na-Ermida-Quiroga
23 Sep 2026

A Romaría da Nosa Señora dos Remedios da Ermida, en Quiroga, acaba de ser declarada Ben de Interese Cultural (BIC) do patrimonio cultural inmaterial de Galicia mediante o Decreto 93/2026, publicado este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A celebración mariana ten lugar todos os anos os días 8 e 9 de setembro e reúne persoas devotas procedentes de A Ermida e doutros municipios da contorna. As peticións están relacionadas habitualmente con doenzas, aínda que tamén se realizan rogativas por cuestións familiares e sociais.

Un dos elementos máis singulares da romaría é a procesión que se celebra antes da misa solemne das 13.00 horas. Á cabeza do cortexo sitúase o Meco, unha figura que anuncia a súa presenza coas súas castañolas e utiliza unha vasoira de toxos para apartar ás persoas e facilitar o paso da comitiva. Leva unha máscara de madeira con trazos demoníacos, ademais de roupa e sombreiro vermellos.

Tras el aparecen as Pampórnigas, dous xigantes que representan un home e unha muller e que bailan unha peza tradicional da comunidade. A figura feminina leva un traxe vermello, sombreiro e un acio de uvas colgado dos beizos, mentres que a masculina viste de azul e leva unha pipa.

A procesión complétase cun grupo de gaiteiros que interpreta unha peza tradicional recuperada polo gaiteiro contemporáneo Colomán, seguida dos estandartes parroquiais, a imaxe da Virxe, transportada en andas por catro devotas, e os sacerdotes e demais persoas participantes.

Ao regresar ao templo, as Pampórnigas sitúanse nas xambas da porta e inclinan as cabezas cando entra a imaxe da Virxe. Mentres se celebra a misa, o Meco permanece no adro da igrexa, onde se desenvolve outro dos rituais característicos da romaría. Algunhas persoas lanzan moedas ao chan e, cando o personaxe se agacha para recollelas, outras danlle labazadas na almofada que leva ás costas, ás que responde coa súa vasoira de toxos.

A declaración da Xunta tamén recolle a antigüidade da celebración. Segundo a documentación histórica incorporada ao expediente, a devoción xa aparece descrita no libro da Confraría de Nosa Señora de A Ermida de 1622, onde se fai referencia á celebración dos días 8 e 9 de setembro e tamén ás Pampórnigas e ao Meco.

A documentación histórica sitúa ademais a orixe da devoción en dúas lendas recollidas polo etnógrafo Xosé Manuel Blanco Prado. Unha delas conta que unha imaxe da Virxe apareceu nun regato e que, despois de ser trasladada varias veces á igrexa parroquial, regresaba ao lugar onde fora atopada, polo que a veciñanza decidiu construír alí unha capela.

A segunda lenda sitúa os feitos no século XIV e relaciona a aparición da imaxe cun peregrino francés que se dirixía a Santiago. Segundo este relato, a Virxe foi atopada posteriormente nun outeiro próximo á aldea, onde existiran restos dun antigo templo paleocristián.

O decreto tamén destaca a relevancia histórica do lugar polo chamado Crismón de Quiroga ou Crismón de A Ermida, un disco circular de mármore datado nos séculos IV ou V que documenta a presenza dunha comunidade cristiá no lugar. O santuario actual conserva unha nave principal e un presbiterio do século XVII, aos que se engadiu unha nave lateral en 1733.

A romaría está precedida por unha novena que se desenvolve entre o 30 de agosto e o 7 de setembro. Ao remate de cada xornada, un grupo de cinco ou seis homes canta loas á Virxe e as persoas asistentes responden coa fórmula “Sea siempre nuestra abogada, Virgen Santa de A Ermida”.

Durante os días principais, algunhas persoas acoden ao santuario descalzas ou de xeonllos e tamén se mantén a tradición das mulleres amortalladas, que visten unha peza branca como agradecemento pola curación dunha doenza grave ou pola solución dun problema familiar.

A celebración combina os actos litúrxicos con prácticas propias da relixiosidade popular, entre elas o bico do manto da Virxe e dunha das dúas cintas colocadas xunto a el. Tras as misas e a procesión, as persoas participantes reúnense no castiñeiro de O Val, onde poden adquirir produtos locais e, pola noite, asistir ás actuacións das orquestras.

O expediente de declaración salienta que a romaría conserva elementos que apenas variaron co paso dos séculos. Entre eles sitúanse o Meco e as Pampórnigas, figuras pouco habituais nas celebracións relixiosas galegas, así como a representación simbólica da loita entre a fe e o maligno.

A Xunta considera precisamente esta escenificación un dos elementos que outorgan singularidade á manifestación. O Meco representa o maligno e non entra nunca na igrexa, mentres que as Pampórnigas acompañan á Virxe e participan na representación. Cando a imaxe entra no templo, o Meco postrase ante ela e ante o pobo, nunha escena que o decreto interpreta como unha representación simbólica da protección do espazo sagrado.

A comunidade vinculada á romaría supera ademais o ámbito da parroquia e mesmo do Concello de Quiroga. Á celebración acoden persoas procedentes de municipios da contorna como Bóveda, O Courel, O Incio, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón ou Ribas de Sil.

O decreto sinala que a transmisión dos rituais, lendas, costumes e coñecementos asociados á romaría se realizou tradicionalmente de maneira oral, dentro das familias e da comunidade veciñal e coa participación de diferentes xeracións.

A declaración como Ben de Interese Cultural implica tamén a adopción de medidas de salvagarda destinadas a garantir a continuidade da manifestación, mediante actuacións de identificación, documentación, investigación, protección, difusión, valorización e transmisión. A normativa recomenda ademais sistematizar os documentos e materiais relacionados coa romaría e favorecer a súa incorporación aos ámbitos educativos formais e non formais, sen limitar a súa capacidade de evolución e recreación por parte da comunidade que a mantén viva.

0.35116505622864