A USC crea unha Cátedra de Memoria Democrática para investigar a represión franquista e divulgar os valores democráticos

A iniciativa estará dirixida polo historiador Emilio Grandío e promoverá investigacións, actividades formativas e accións para recoñecer o persoal universitario depurado durante a Guerra de España e a posterior represión
USC-nova-catedra-memoria-democratica-2026
12 Sep 2026

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) contará cunha nova Cátedra de Memoria Democrática, un proxecto que nace da colaboración coa Secretaría de Estado de Memoria Democrática e que estará orientado á investigación, á docencia, á transferencia de coñecemento e á divulgación dos valores democráticos desde o ámbito universitario.

O acordo para a súa creación foi asinado en Santiago de Compostela polo secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a reitora da USC, Rosa Crujeiras. No acto participaron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboada.

Á fronte da nova cátedra estará o historiador Emilio Grandío Seoane, especialista no estudo da Guerra de España, a represión franquista e as políticas de memoria.

O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática destinará 50.000 euros anuais ao desenvolvemento das actividades da cátedra. Estes fondos permitirán impulsar proxectos de investigación, propostas formativas e diferentes accións destinadas a achegar á sociedade o coñecemento sobre a memoria democrática.

A colaboración entre a USC e a Secretaría de Estado incluirá tamén a elaboración de materiais divulgativos, publicacións científicas e iniciativas destinadas á transferencia dos resultados das investigacións. A programación completarase coa celebración de xornadas, seminarios, conferencias e congresos.

Outra das liñas de traballo será a creación de documentación e contidos audiovisuais que permitan ampliar e difundir o coñecemento sobre este período histórico.

A nova cátedra prestará ademais especial atención á propia historia da Universidade de Santiago. Entre os seus obxectivos figura recuperar, recoñecer e dignificar a memoria do persoal da USC que sufriu procesos de depuración durante a Guerra de España e a posterior represión.

Deste xeito, a universidade incorporará un novo espazo académico estable desde o que abordar a memoria democrática combinando investigación histórica, formación, divulgación e recuperación das persoas afectadas pola represión.

0.4495530128479