A USC debate os 25 anos do Arde Lucus como referente de recreación histórica

A Casa do Saber de Lugo acolleu a mesa coloquio 'O Arde Lucus a debate', organizada pola Cátedra de Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na que se abordou a evolución da recreación histórica lucense ao longo dos seus 25 anos de existencia.
Ao encontro asistiu a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, quen puxo en valor o papel da Universidade como institución "no impulso á cultura e o patrimonio". López tamén trasladou "o firme apoio do Goberno de España ás iniciativas que supoñen un nexo entre o coñecemento e a sociedade".
O debate estivo moderado polo decano da Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC, Gonzalo Francisco Fernández, e contou coa participación de representantes de tres asociacións vinculadas ao Arde Lucus. Durante a mesa, os participantes responderon ás distintas cuestións formuladas sobre a traxectoria da recreación histórica lucense e a súa evolución ao longo deste cuarto de século.
O coloquio completouse cunha quenda de preguntas e intervencións aberta ao público asistente, que puido participar no debate sobre o desenvolvemento e a relevancia do Arde Lucus.
A Cátedra de Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela é a primeira destas características especializada en Patrimonio en todo o norte peninsular e a terceira existente en España. A súa actividade académica comeza este curso na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, onde xa se imparte o Grao en Xestión Cultural.