A Vía Verde que pasa por Ordes chegará ata Santiago en marzo de 2027 e converterase na máis longa de Galicia

A finalización dos traballos no termo municipal compostelán permitirá completar os 36 quilómetros do itinerario que xa conecta Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso
ORDES tramo via verde
5 Nov 2026

A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que xa atravesa os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso, chegará ata Santiago de Compostela en marzo de 2027. A conclusión das obras dos tramos composteláns permitirá completar un percorrido de arredor de 36 quilómetros e converter esta infraestrutura na Vía Verde máis longa de Galicia.

A Deputación da Coruña destina 1.784.622,96 euros aos tres tramos que discorren polo termo municipal de Santiago, cunha lonxitude total de 10,18 quilómetros. O presidente provincial, Valentín González Formoso, visitou este xoves os traballos acompañado polo deputado Antonio Leira e avanzou que o primeiro tramo estará rematado este mes de novembro, mentres que o conxunto da actuación concluirá en marzo do próximo ano.

A ampliación dará continuidade ao itinerario que xa une Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso a través das antigas vías do tren, recuperadas para o tránsito de peóns e ciclistas. A conexión coa capital galega reforzará tamén o potencial turístico e de lecer da ruta.

Tres tramos para completar a conexión con Santiago

O primeiro tramo compostelán, de 2.165 metros, une a antiga estación ferroviaria da Sionlla de Abaixo cun camiño veciñal situado entre os túneles 2 e 3. As obras, adxudicadas por 753.820,86 euros, teñen a súa finalización prevista para novembro.

O segundo tramo, entre Ramelle e a ponte sobre o río Tambre, xa está rematado. Ten 3.170 metros e foi adxudicado por 264.420,01 euros, con financiamento dos fondos NextGenerationEU a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino da Vía Verde.

Pola súa banda, o tramo 2.2, que conecta os dous anteriores, está en execución desde o pasado 23 de setembro. Conta cun investimento de 766.382,09 euros e abrangue 4,8 quilómetros entre o camiño das Pereiras e a estrada de acceso a Ramelle. Inclúe tamén o túnel 3 e o viaduto de Reconco.

A súa conclusión, prevista para marzo de 2027, permitirá completar os 36 quilómetros da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle.

Formoso destacou que o proxecto supón un investimento superior aos cinco millóns de euros e permite recuperar antigas infraestruturas ferroviarias para novos usos vinculados ao paseo, ao deporte e á mobilidade sostible.

0.32561492919922