A vivenda, protagonista da sesión de control no Parlamento galego con anuncios da Xunta e críticas da oposición

Rueda anuncia unha liña de 7 millóns para que os concellos constrúan vivenda pública, mentres Besteiro e Pontón cuestionan a política do Goberno galego
deputados-por-un-dia-parlamento-galicia
7 Oct 2026

A vivenda converteuse este mércores no principal asunto da sesión de control do Parlamento de Galicia, cun cruzamento de acusacións entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os líderes do PSdeG e do BNG, José Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón. O debate non deixou de lado os decretos aprobados polo Goberno trala convocatoria de eleccións sobre vivenda.

Durante o pleno, Rueda anunciou unha nova liña de axudas de 7 millóns de euros destinada aos concellos para impulsar a construción de vivenda pública municipal, mentres a oposición puxo o foco na demanda existente, na execución das promesas do Goberno galego e nas medidas para facilitar o acceso á vivenda.

Rueda explicou que esta nova liña permitirá financiar con ata 80.000 euros cada fogar e que as vivendas resultantes manterán o seu carácter público de maneira permanente. Ademais, serán adxudicadas a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda.

O presidente da Xunta asegurou que a vivenda é «unha absoluta prioridade para a Xunta» e destacou que ao longo de 2026 haberá 4.670 vivendas públicas en marcha. Segundo os datos achegados por Rueda, 2.100 xa foron licitadas nos primeiros nove meses do ano, outras 600 serán licitadas antes de que remate 2026 e 1.860 están actualmente en construción, ás que se suman pisos rehabilitados ou adquiridos pola Administración autonómica.

O mandatario galego lembrou tamén o compromiso da Xunta de duplicar o parque público de vivenda antes de que remate 2028 e citou outras medidas como a promoción de 20.000 vivendas protexidas mediante colaboración público-privada, as reservas de vivendas en alugueiro e os avais e rebaixas fiscais destinados á mocidade.

O PSOE

Fronte a estes anuncios, o secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, cuestionou o balance do Executivo autonómico en materia de vivenda. Durante a súa intervención, asegurou que 36.500 familias están á espera dun piso público, segundo o rexistro da propia Xunta, mentres que ao longo da actual lexislatura se entregaron 98 vivendas, 74 en Pontevedra e 24 en Santiago.

Besteiro utilizou unhas chaves durante a súa intervención para simbolizar, segundo explicou, a situación das persoas que buscan unha vivenda. «Este é o son das rúas. Identifícao? Debería, porque é o son da impotencia», trasladoulle a Rueda.

O líder socialista afirmou que a lista de espera para acceder a unha vivenda pública aumentou un 140 % desde 2022 e acusou o PP de levar 17 anos gobernando Galicia sen dar unha resposta suficiente á situación habitacional. Tamén criticou o rexeitamento dos populares a distintas iniciativas e decretos estatais relacionados coa vivenda e defendeu medidas para frear os desafiuzamentos, limitar determinadas prácticas especulativas e ampliar a protección dos alugueiros.

Besteiro referiuse ademais á perda de vivenda protexida. Segundo unha resposta da propia Consellería de Vivenda ao Grupo Socialista, 561 pisos protexidos pasaron ao mercado libre antes de tempo durante a última década. O socialista asegurou tamén que as 98 vivendas entregadas durante a lexislatura están moi lonxe das 4.000 que, segundo afirmou, Rueda prometera para este período.

O BNG

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou que toda a vivenda pública que se constrúa en Galicia se destine ao alugueiro social e pediu á Xunta que mobilice as vivendas baleiras para incorporalas ao mercado a prezos accesibles.

Pontón responsabilizou o Goberno galego da situación habitacional e criticou que a Xunta non declare máis zonas tensionadas, ademais de cuestionar a proliferación de vivendas de uso turístico e a evolución dos prezos da vivenda protexida.

A líder nacionalista asegurou que a Xunta prometera 1.800 vivendas de alugueiro social para 2026 e que, segundo os datos que manexa, só se entregaron 98. «Vai cumprir a súa promesa ou isto non é máis que fume?», preguntou a Rueda.

Pontón tamén criticou a política fiscal da Xunta e as medidas destinadas ao sector inmobiliario, ao considerar que favorecen a especulación, e reclamou actuacións para facilitar o acceso á vivenda para a mocidade e as familias con menos recursos.

Durante a súa intervención, a portavoz do BNG empregou tamén unhas chaves como símbolo das mobilizacións sociais pola vivenda e asegurou que a situación está a xerar un crecente malestar entre a cidadanía. Ademais, defendeu que as zonas tensionadas poden contribuír a reducir os prezos dos alugueiros e reclamou á Xunta que faga uso das súas competencias exclusivas en materia de vivenda.

O debate parlamentario deixou así sobre a mesa dúas visións contrapostas. Mentres o Goberno galego reivindica o incremento da promoción de vivenda pública e anuncia novas vías de colaboración cos concellos, PSdeG e BNG poñen o foco na lista de espera, no número de vivendas efectivamente entregadas e na necesidade de aplicar medidas para conter os prezos dos alugueiros e facilitar o acceso a un fogar.

0.40772604942322