A xestión do Pazo de Meirás volve á axenda institucional

O Concello de Sada pide reactivar a comisión creada en 2021 para definir os usos futuros do inmoble desde o consenso, a memoria democrática e a cooperación entre administracións
SADA pazo meiras
12 May 2026

O Concello de Sada reclama a convocatoria da comisión interadministrativa encargada de coordinar a xestión e os usos do Pazo de Meirás, constituída no ano 2021 tras a recuperación do inmoble para o patrimonio público. O alcalde, Benito Portela, remitiu un escrito ás administracións implicadas para pedir que este órgano se reúna á maior brevidade posible.

A comunicación foi enviada ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, á Xunta de Galicia, á Deputación da Coruña e ao Concello da Coruña. O obxectivo, segundo defende o goberno local sadense, é retomar os traballos institucionais arredor do futuro do Pazo e abrir unha nova etapa na que se concreten tanto os seus usos como o modelo de xestión.

Portela considera 'imprescindible avanzar na definición compartida do futuro do Pazo, dos seus usos e do seu modelo de xestión'. O alcalde sostén que este proceso debe asentarse na memoria democrática, na participación institucional e na vinculación co territorio.

Desde o Concello lembran que o propio Executivo estatal sinalou recentemente, nunha resposta parlamentaria ao BNG do pasado 23 de abril, que esta comisión sería a encargada de decidir cuestións relacionadas co destino definitivo do inmoble, a súa xestión ou unha posible cesión á Xunta.

O goberno local tamén propón abordar, se fose necesario, a actualización do protocolo ou instrumento de colaboración existente para adaptalo ao novo escenario xurídico derivado da firmeza da sentenza sobre a titularidade do Pazo, así como á activación da comisión técnica de asesoramento.

Sada defende que o futuro de Meirás debe construírse desde a cooperación institucional, a pluralidade e o consenso, evitando dinámicas que se afasten do espírito de colaboración que permitiu recuperar este ben para o patrimonio público. O Concello reclama tamén a presenza activa das administracións implicadas e a participación da sociedade galega, especialmente do movemento memorialista e das súas entidades representativas.

O executivo sadense reitera a súa disposición a seguir traballando co resto de institucións para avanzar nun modelo que converta definitivamente o Pazo de Meirás nun espazo ao servizo da memoria democrática, do interese público e da cidadanía.

0.36747002601624