A Xunta alerta de que os novos deslindes poderían incorporar 2.511 edificacións ao dominio público do litoral galego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que o Goberno galego esixirá ao Executivo central que retire a súa proposta para modificar os criterios técnicos cos que se establecen os deslindes da costa. A Xunta advirte de que o cambio podería ampliar ata máis de 156 quilómetros cadrados o dominio público marítimo-terrestre (DPMT) en Galicia e incorporar a esta superficie 2.511 edificacións que actualmente quedan fóra dela.
Segundo as estimacións realizadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a modificación suporía un incremento de 6,53 quilómetros cadrados da superficie actual do DPMT, ata superar os 156 km², unha extensión equivalente a máis de catro veces o termo municipal da Coruña. Entre as construcións que poderían quedar incluídas nesta nova delimitación hai, segundo explicou Rueda, “depuradoras, pavillóns ou industrias”.
O presidente advertiu de que, no caso de que estas edificacións pasasen a situarse en terreos de dominio público, poderían chegar a ser expropiadas “sen ter que facer desembolsos económicos”. A Xunta calcula, ademais, que os cambios poderían poñer en risco máis de 2.500 edificacións costeiras en Galicia.
O Consello da Xunta tomou razón este luns das alegacións que a Administración autonómica presentará esta semana durante o período de información pública do Real Decreto polo que se adoptan medidas para a xestión dos riscos de inundación. O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico iniciou a súa tramitación o pasado mes de xullo e introduciu neste texto os cambios nos criterios técnicos para establecer os deslindes.
A principal modificación afecta ao criterio empregado para determinar a liña do dominio público marítimo-terrestre. Ata agora, para establecer o deslinde esixíase que o mar alcanzase unha determinada cota de maneira recorrente, concretamente en cinco ocasións nun período mínimo de cinco anos.
A proposta do Goberno central substituiría este criterio pola referencia á máxima onda rexistrada nun momento concreto, tomando como base unha serie histórica cun período temporal “indefinido e aberto”.
Para a Xunta, isto supón substituír un criterio técnico baseado no tempo e na frecuencia dos temporais por outro absoluto, baseado no valor máximo dunha serie histórica. Na práctica, advirte, unha única onda excepcional podería ser suficiente para determinar unha nova delimitación.
O Goberno galego considera que este criterio podería basearse nun acontecemento illado que non necesariamente reflicta a situación real da costa e cuestiona tamén a súa obxectividade polas características da distribución estatística das ondas e as dificultades para calcular este parámetro.
Rueda sinalou ademais que o Ministerio estaría recuperando con esta proposta unha modificación que xa tentou introducir en 2022 e que foi anulada polo Tribunal Supremo. Segundo a Xunta, nesta ocasión o cambio introdúcese a través dun real decreto destinado a regular unha materia diferente, en lugar de incorporalo á reforma do Regulamento Xeral de Costas que se tramita de maneira paralela.
A esta modificación súmase precisamente a tramitación da reforma do Regulamento Xeral de Costas, coa que o Goberno central pretende endurecer o actual réxime de concesións no litoral e tamén as súas prórrogas.
A Xunta advirte de máis custos e duplicidades
O Goberno galego tamén formulou alegacións relacionadas directamente coa xestión do risco de inundacións, que constitúe o obxecto principal do real decreto.
A Xunta considera que o texto introduce novas esixencias documentais e administrativas, así como obrigas e limitacións de usos nos territorios sometidos a risco de inundación. Entre elas estarían a prohibición de acampadas, a instalación de cámpings ou a celebración de determinados eventos con concentración de persoas.
A Administración autonómica advirte de que moitas destas novas obrigas non veñen acompañadas de criterios técnicos suficientemente claros e homoxéneos, polo que poderían xerar diferentes interpretacións na súa aplicación.
Tamén alerta de posibles duplicidades e solapamentos cos instrumentos que xa existen, como os Plans de Xestión do Risco de Inundación (PXRI), así como cos informes de seguimento e estudos que xa realiza Augas de Galicia.
Outro dos puntos cuestionados pola Xunta son os prazos previstos. Considera que algúns son excesivamente apresurados e que mesmo se adiantan aos establecidos pola normativa europea, que contempla calendarios máis amplos para a súa aplicación.
Ademais, parte dos criterios técnicos necesarios para concretar as novas esixencias non estarán dispoñibles ata 2028, o que, segundo o Goberno galego, podería obrigar a adaptar ou reelaborar traballos realizados con anterioridade.
Finalmente, a análise da Xunta conclúe que a aplicación do real decreto suporía un incremento do gasto público para os organismos de conca, entre eles Augas de Galicia. A Administración autonómica sinala que estes custos non constan cuantificados nin acompañados da correspondente transferencia dos recursos necesarios para poder asumilos.