A Xunta autoriza contratar a defensa xurídica do Sergas fronte ao cártel dos absorbentes de incontinencia urinaria

O Consello da Xunta autorizou a contratación do servizo de representación e defensa xurídica para reclamar unha indemnización polos danos e perdas causados ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) polo cártel dos absorbentes de incontinencia grave de urina en adultos.
A decisión ten como base a sanción imposta en 2016 pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), que multou con 128 millóns de euros oito empresas fabricantes e importadoras destes produtos, á Federación Española de Empresas de Tecnoloxía Sanitaria (Fenin) e a dúas persoas físicas pola súa participación en prácticas restritivas da competencia.
Segundo quedou acreditado na resolución sancionadora, as empresas integrantes do cártel pactaron os prezos dos absorbentes para adultos financiados para os pacientes, que chegaron a ser o dobre dos prezos obtidos posteriormente nas licitacións públicas das diferentes comunidades autónomas.
A Xunta considera que a gravidade das condutas sancionadas e o importante sobreprezo aboado xustifican a reclamación dos danos ocasionados á sanidade pública. Así, o Sergas realizou previamente unha análise da información dispoñible, da que se desprende que entre 2004 e 2014 o gasto mínimo acreditado e identificable coas empresas do cártel ascendeu a 140,8 millóns de euros.
Para o período anterior, desde 1996, existe actualmente unha estimación de aproximadamente 153 millóns de euros de gasto co conxunto das empresas integrantes do cártel, aínda que non se dispón dunha desagregación por empresas. Esta contía deberá ser concretada mediante a proba pericial incluída no obxecto da contratación.
Ademais, o Sergas encargou á Universidade de Santiago de Compostela un estudo preliminar para estimar o dano a partir da información e dos datos dispoñibles. O traballo estableceu diferentes escenarios e hipóteses con estimacións graduadas do potencial prexuízo causado á sanidade pública e serviu de base para fixar o valor estimado da contratación autorizada polo Consello da Xunta, que ascende a 6.052.720 euros.
A proba pericial permitirá completar e analizar a información dispoñible, delimitar a extensión temporal do dano e determinar o importe exacto da reclamación, en coordinación coa estratexia procesual de defensa xurídica.
Deste xeito, o servizo de defensa xurídica e a correspondente proba pericial permitirán establecer o gasto demostrable e o menoscabo sufrido pola sanidade pública, co obxectivo de fixar a contía definitiva da reclamación.
A contratación abrangue todas as fases do procedemento, tanto na vía extraxudicial como na xudicial, incluíndo a preparación da proba, a redacción e presentación dos escritos procesuais e os posibles recursos que sexa necesario interpoñer.
A Xunta salienta a especial complexidade destas reclamacións, tanto pola súa contía e polo elevado número de implicados nas condutas danosas como por tratarse dun procedemento relacionado co dereito da competencia, suxeito a normas e particularidades específicas.
Neste ámbito existe unha ampla xurisprudencia menor e recente que, nalgúns casos, presenta criterios contraditorios. Esta circunstancia fai necesaria unha abordaxe especializada das numerosas cuestións xurisdicionais e da cuantificación dos danos, nun contexto marcado pola existencia de numerosos procedementos por vulneración do dereito da competencia actualmente en tramitación e con importante repercusión social.